Os soutos pararon o lume en moitos núcleos do Courel

Un brigadista camiña diante dunha vivenda calcinada en Folgoso do Courel. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A opinión é unánime no Courel. As persoas do concello consultadas por 'Nós Diario' non dubidan en sinalar que a veciñanza e os soutos resultaron decisivos para combater os incendios. Neste sentido, significan que os bosques de castiñeiro actuaron como cortalumes na maioría dos lugares.

Óscar Carrete leva desde a sexta feira loitando contra o lume en diversos núcleos do Courel. Na última semana participou como voluntario nos grupos veciñais organizados para combater os incendios. Neste sentido, sinala que “a veciñanza e os soutos pararon os incendios, senón fóra por eles o acontecido en Vilar [O Courel]pasaría en moitos máis sitios”.

Carrete lembra a Nós Diario o sucedido no lugar de Sobredo. “Lapas de máis de 10 metros que baixan sen control cara a Sobredo só pararon cando comezaron a bater contra o souto que rodea o núcleo, porque o souto non só corta o aire senón que as lapas que chocan contra os castiñeiros perden forza é da tempo a combatelas”, afirma este veciño do Courel.

Sobredo

A historia do acontecido en Sobredo, no Courel, repetiuse noutros lugares deste concello,  como en Seceda, Eiriz ou Eufemia. “O souto cortou o lume en Ferreirós”, afirma Carrete, en relación con este núcleo do Courel onde 25 veciñas e veciños e un brigadista cunha motobomba pelexaron toda a noite da cuarta feira contra as chamas. Neste sentido, significa que “os piñeiros a diferenza dos castiñeiros son gasolina, neles o lume salta de copa en copa a moitos metros de distancia”.

Carrete pon como exemplo do perigo dos piñeiros o acontecido en Vilar, núcleo do Courel cuxas vivendas foron arrasadas polas lapas. Neste sentido, significa que “o lume que queimou Vilar entrou pola parte do lugar rodeado de piñeiros”.

O enxeñeiro forestal Xosé Antón Meixide sinala a Nós Diario que “os soutos, como outras masas arbóreas caducifolias, situados nos perímetros das aldeas actuaron historicamente como cortalumes”. Neste sentido, indica que “as follas dos castiñeiros mantéñense verdes durante o verán e esa sombra que proxectan actúa como un microclima”.

Os soutos, engade, "non son monte, son un cultivo formado por castiñeiros que crean un espazo moi protexido”. Xosé Meixide indica ademais que "frean os incendios e que foron plantados, tamén, para protexer os núcleos contra os lumes”. Nesta dirección, adianta que “sempre houbo raios e lumes e precisamente por iso sempre houbo medidas de protección contra eles como os soutos”.

Os piñeiros "son como a gasolina"

Meixide lembra que “os castiñeiros ou os carballos non son especies pirófitas, isto é que teñen non afinidade co lume. Os castiñeiros arden pero arden mal, de feito os vellos nunca che recomendarían madeira de castiñeiro para facer lume, sendo empregada para outros usos como facer móbeis”.

“Os eucaliptos ou os piñeiros son a antítese dos castiñeiros, arden e arden moi ben porque son especies pirófitas”, explica Meixide, quen cualifica os “piñeiros de auténticas bombas de reloxería por onde o lume avanza sen control actuando a resina como un autentico combustíbel”.