Soutomaior reclama un novo médico de familia após meses de saturacións nos centros de saúde

Centro de saúde de Arcade

Ao longo dos últimos meses, a sanidade pública do Concello de Soutomaior non cumpriu coas expectativas dos seus veciños. Hai apenas unhas semanas, os centros de saúde de Arcade e de Soutomaior víronse colapsados, e numerosos pacientes chegaron a agardar até tres horas para poder seren atendidos nas súas dependencias. A razón? A urxente necesidade de contar cun médico de familia máis, unha demanda do BNG aprobada en pleno por unanimidade.

A moción foi redactada pola formación nacionalista en outubro, mais medio ano despois Soutomaior continúa á espera dunha ansiada mellora na sanidade do municipio. A imposibilidade de poder contar cun servizo de calidade vén demostrada polas cifras que manexa a Asociación Española de Médicos de Familia, que recomenda que para garantir unha atención sanitaria adecuada non debe haber máis de 1.200 pacientes por cada médico. A realidade no municipio de Soutomaior dista moito de cumprir con esas cifras, xa que habería entre 1.550 e 1.750 cartillas por médico. “As cifras falan por si soas”, sinalou o voceiro do BNG local, Manu Lourenzo, e engadía que “a través desta iniciativa queremos rematar cunha situación inxusta e que ten graves consecuencias para a nosa veciñanza”.

Fontes do Sergas sinalaron a Sermos que no Centro de Saúde de Arcade hai médicos que chegan atender a máis de 60 pacientes diarios

Fontes do Sergas sinalaron a Sermos que no Centro de Saúde de Arcade hai médicos que chegan atender a máis de 60 pacientes diarios. Nunha xornada de oito horas de traballo, significaría unha atención de menos de dez minutos por paciente, obviando calquera tipo de pausa ou descanso entre eles. Os dados reflicten unha situación delicada que tamén vén motivada polo feito de que a Xunta non cobre as baixas e as vacacións dos médicos e dos pediatras da zona. Nos últimos tempos déronse casos de veciños que viven en Arcade, pero que non poden ir ao seu médico de familia no lugar no que viven debido á saturación do servizo.

Pese a que a proposta foi aprobada en pleno, a situación non cambiou un ápice, o que derivou na celebración nun pleno extraordinario, o pasado 8 de maio, no que se lle esixía ao PP que non incumprise o acordo unánime firmado, e remitise a petición formal ao Sergas para defender a sanidade pública de Soutomaior. A moción obrigaba o alcalde a enviar unha carta ao Conselleiro de Sanidade explicando a situación actual do municipio e esixindo unha solución drástica á devandita problemática, así como a supresión dos recortes en materia de saúde. A sorpresa chegou no rexistro de saídas de documentos, onde o BNG local comprobou que nunca se enviara o documento acordado.

Manu Lourenzo indicou que “é extremadamente grave que Agustín Reguera (alcalde do municipio) incumprise a lei e o mandato do pleno negándose a enviar ese escrito ao Conselleiro de Sanidade"

Manu Lourenzo indicou que “é extremadamente grave que Agustín Reguera (alcalde do municipio) incumprise a lei e o mandato do pleno negándose a enviar ese escrito ao Conselleiro de Sanidade. É algo simplemente intolerábel que demostra, ademais dunha evidente falta de respecto polas institucións democráticas, unha traizón aos veciños en toda regra. É todo un síntoma que un alcalde, no canto de defender os seus veciños, garde no caixón un mandato do pleno que tan só pretendía defender a sanidade pública ante unha situación que calquera usuario dos centros de saúde do municipio pode comprobar”.

Ademais da demanda dun novo médico para Soutomaior, a moción do BNG tamén facía constar o problema de non se estaren a cobrir as baixas e vacacións dos facultativos dos centros de saúde e pedía algún tipo de solución para esta deficiencia. Por outra banda, contémplase tamén a necesidade de que o Concello devolva as prazas de aparcamento que retirou ao persoal sanitario do centro de saúde de Arcade. Unha situación á que se chegou tras a reforma dunhas beirarrúas, o que derivou na desaparición de espazos de estacionamento reservados. Na actualidade, o persoal do centro continúa sen ter resolvido este problema. Cómpre lembrar que cando os facultativos teñen que saír a unha urxencia empregan os seus propios vehículos, polo que o feito de non ter un aparcadoiro perto do edificio os obriga a perder uns valiosos minutos.

A moción do BNG demandaba, aliás, a realización dun seguimento por partes dos responsábeis municipais do estado das inmediacións do centro de saúde, nas que se observan cabos do luz e do teléfono ao alcance da man.

Nota: na fotografía que acompaña o corpo do texto aparece Manu Lourenzo, concelleiro do BNG en Soutomaior.