Soutomaior e Ponte Caldelas cargan contra a Xunta polo transvasamento do río Verdugo

O río Verdugo converteuse, durante a semana pasada, no escenario de confrontacións cruzadas entre Xunta, grupos locais, e veciños.

O portavoz municipal do BNG en Soutomaior, Manu Lourenzo, anunciou no seu último comunicado que o seu concello dará resposta á agresión ecolóxica e aos sectores produtivos que supón o proxecto de transvasamento do río Verdugo. O grupo nacionalista define a obra que propón a Xunta coma un “atentado ecolóxico” que partiría pola metade o barrio de Aranza, rebaixaría o caudal ecolóxico do río, e porá en perigo os bancos marisqueiros da súa desembocadura que, a día de hoxe, son o principal motor económico do concello.

 

Durante a última reunión de portavoces pediuse que a Xunta dera a cara ante os veciños do municipio pontevedrés, e se esixiu unha reunión de urxencia coa conselleira do Mar, ben coma co responsable de Augas de Galicia. O BNG local avisa da irresponsabilidade manifesta que supón facer entres meses unha obra que compromete o ecosistema co que gañan o pan máis de duascentas familias. “Non hai sequera, enriba da mesa, un estudo de impacto ambiental, ou un proxecto técnico”, replicou Lorenzo. “É un insulto para os nosos mariscadores e para a nosa veciñanza. Non imos permitir que os veciños paguen as consecuencias da xestión nefasta da auga que practican tanto a Xunta de Galicia como o concello de Vigo”.

 

O portavoz local recoñece que existe un problema coa auga, mais “as solucións teñen que vir por un aproveitamento ecolóxico das concas”. Nese sentido, o BNG cre que se debería investir en mellorar a eficiencia nas infraestruturas, sendo que nas canalizacións de Erias hai unha perda estimada de fugas de máis do trinta por cento da auga que levan. Chégase a semellante cifra se contar as perdas urbanas. Apostar na xestión razoable dos consumos e alternativas ecolóxicas é a mensaxe que transmite Lourenzo, e asume que o resto non sería “máis que tratar de solucionar unha desfeita ambiental con outra desfeita no noso río”.

 

Non ao “espolio”

 

Pola súa parte, o Concello de Ponte Caldelas tamén veu esgotada a súa paciencia. Segundo informou o alcalde Andrés Díaz (PSdeG), Augas de Galicia non tivo nin a “cortesía” de se dirixir a eles para os informar do pretendido transvasamento de auga dende o río Verdugo ao encoro de Eiras, que abastece a área metropolitana de Vigo. No caso deste municipio, propúxose a convocatoria dunha manifestación para o día de onte. Unha marcha que saíu dende a Alameda até a praia fluvial da Calzada, despois de percorrer todo o paseo pola beira do río.

 

“Non hai sequera, enriba da mesa, un estudo de impacto ambiental, ou un proxecto técnico”, replicou o portavoz municipal do BNG en Soutomaior, Manu Lourenzo

 

O alcalde define a obra como un “espolio” e un “saqueo” dos recursos naturais da vila. O asombro tamén vén dado pola cantidade de auga que a Xunta espera extraer do río. Uns 350 litros por segundo. Segundo os dados que manexan os concellos afectados, o río apenas leva mil litros por segundo, o que suporía a extracción de máis dun terzo da súa auga. Para Ponte Caldelas, o perigo ecolóxico e un feito innegable, e máis nun río “de gran importancia piscícola”.

 

Díaz  tamén subliño que moitos pobos e lugares de Ponte Caldelas levan dende o mes de agosto con restricións de auga por mor da seca, unha situación que foi a peor após da vaga de lumes que asolou o municipio durante outubro. “É incomprensíbel que Augas de Galicia se despreocupe da falta de auga en todo o rural galego, e mesmo poña incontábeis pegas para mellorar as captacións dos veciños, e se dea tanta présa para pinchar o río Verdugo e quitarlle un terzo do seu caudal, nunha salvaxada medioambiental que non estamos dispostos a permitir”. Dende a casa consistorial lémbrase que Augas de Galicia recolle fondos cada mes de todos os veciños polo canon de saneamento, e, de momento, non viu reintegrado “nin un euro” no concello. “Sería curioso que agora a Xunta gastase eses cartos para levarnos a auga”, ironizou.

 

O alcalde de Ponte Caldelas (PSdeG) fala de "espolio" e "saqueo" dos recursos naturais da vila

 

Así as cousas, quer o Concello de Ponte Caldelas quer o BNG de Soutomaior agardan que se desanden os pasos dados e que o plan proposto pola Xunta sexa cancelado de inmediato, ante o obvio impacto ambiental e social que causaría en ambos municipios. 

 

Fotografías (autoría: concello de Ponte Caldelas).

 

1.-Operarios de Ponte Caldelas realizan probas no Verdugo.

 

2.-O alcalde Andrés Díaz inspecciona o estado do curso fluvial.