Soutomaior sae á rúa para exixir unha atención sanitaria de calidade: Conta con 3 médicos para 7.500 habitantes

Manifestación pola sanidade en Soutomaior. (Foto: Xandre Vales)
Exixen o aumento do persoal médico no centro de saúde de Arcade

Veciñas e veciños de Soutomaior mobilizáronse onte en protesta contra os recortes en materia de sanidade e para exixir "unha atención digna e de calidade".

A manifestación, convocada polo BNG, realizouse despois de presentar “numerosas iniciativas no Concello e no Parlamento galego sen que nin o alcalde de Soutomaior, Agustín Regueira, do PP, nin a Xunta fixeran nada por mellorar a precarizada situación sanitaria da zona”. Así o indicou onte a formación política nun comunicado de prensa.

O portavoz municipal do BNG de Soutomaior, Manuel Lourenzo, explicou en declaracións a Nós Diario que "hai meses que a situación sanitaria na zona xa superou as liñas vermellas". "Cada vez que falta un profesional, prodúcese un colapso do sistema" e engadiu que "nestas últimas semanas comprobamos que para acceder a unha cita na Atención Primaria tiñamos que esperar 15 días ou máis".

"Cada vez que falta un profesional, prodúcese un colapso do sistema"

Soutomaior, con máis de 7.500 habitantes, conta tan só con tres médicos para o conxunto da poboación. Unha situación que Lourenzo cualificou de "completamente insostíbel". O nacionalista, que tamén é parlamentario na Cámara galega, destacou que “a veciñanza demostrou que en Soutomaior non nos resignamos a ter que aturar máis recortes nin o desmantelamento da nosa sanidade pública” e concluíu que “hoxe [por onte] o pobo falou e, desde o BNG, comprometémonos a que esta palabra do pobo siga estando na rúa, en todas as institucións e onde sexa necesario para defender o dereito á saúde e a vida da veciñanza de Soutomaior”.

A protesta, na que participaron varios centos de persoas, comezou pasadas as 20.30 horas no centro da vila de Arcade, desde onde partiu cara ao ambulatorio. Desde o exterior do centro de saúde, Manuel Lourenzo e a portavoz de sanidade do BNG no Parlamento da Galiza, Montse Prado, dirixíronse á veciñanza.