O centro de saúde de Arcade (Soutomaior), de novo sen persoal médico: "Até cando imos permitilo?"

Cartaces que indican a falta de persoal médico no centro de saúde de Arcade esta terza feira. (Fotos: Nós Diario)
O BNG convoca unha manifestación este domingo na defensa da sanidade pública.

Non é a primeira vez que acontece e, segundo alerta a veciñanza, tampouco será a última. O centro de saúde de Arcade, en Soutomaior, amenceu esta terza feira novamente cunha importante falta de persoal.

"Hoxe non haberá consulta nesta sala. Pregunten en mostrador". Esa é a mensaxe que pode lerse esta mañá en até tres salas deste ambulatorio, dúas de Medicina de Familia e a restante de Pediatría.

"Non queremos preguntar no mostrador, queremos a sanidade pública a que temos dereito e pola que tanto levamos loitado, precisamos unha atención digna se enfermamos, até cando imos aguantar esta situación de recortes e silencios? Até cando lles imos permitir xogar coa nosa saúde e vidas?", cuestiona o edil do BNG Diego Moreira, a través das redes sociais.

O propio Moreira explicaba esta segunda feira que se vira obrigado a solicitar unha cita médica no centro de saúde que, con todo, o Sergas non lle ofrecía até o vindeiro 1 de decembro. "Ante unha situación de enfermidade ou molestias que temos que facer a veciñanza?", criticaba.

Xa no pasado mes de xullo, Nós Diario informaba de que este concello de 7.500 habitantes quedaba durante 30 días sen profesional ningún de Pediatría, pasando a atender a enfermeira as urxencias "máis leves" mentres os casos considerados "graves" foron derivados a Vilaboa e Pontevedra.

Manifestación o próximo domingo

Diante deste escenario que non semella mudar para ben, a agrupación local do BNG vén de convocar unha manifestación para o próximo domingo, con saída ás 12.30 horas do cruce de Pierres e remate fronte ao ambulatorio, co obxectivo de que a veciñanza "sexa escoitada".

"A situación da sanidade en Soutomaior, que sofre un desgaste continuo dende hai anos, xa comeza a ser insostible. Levamos un mes cun só médico no centro de saúde no mellor dos casos. Soutomaior non pode aguantar máis nesta situación e por iso convidamos toda a veciñanza a sair á rúa este domingo e berrar pola sanidade pública", defendeu o portavoz nacionalista, Manuel Lourenzo.

Desde o BNG convidan todos os veciños e veciñas a participaren desta marcha con cazolada para reivindicar que "non se poden aturar máis recortes por parte da Xunta, nin máis silencios cómplices de Agustín Reguera [o alcalde, do PP]".