Soutomaior acolle un acto pola causa palestina con Mohamed Safa

Acto sobre Palestina este 19 de setembro en Soutomaior. (Foto: Nós Diario)
O Multiusos de Arcade reuniu esta sexta feira veciñanza e activistas no encontro "Palestina: desmontando a Israel", unha conversa co médico e escritor palestino Mohamed Safa, presentada polo alcalde Manuel Lourenzo e moderada por Beatriz Carrasco, que combinou reflexión política e solidariedade coa música de Antón Ke.

O Multiusos de Arcade, en Soutomaior (comarca de Vigo), acolleu esta sexta feira o acto "Palestina: desmontando Israel", unha conversa aberta coa participación de Mohamed Safa, médico e escritor palestino. O encontro contou coa presentación do alcalde, Manuel Lourenzo, e estivo conducido por Beatriz Carrasco, integrante de BDS Galiza.

Safa achegou ao público unha análise sobre a situación actual en Palestina, marcada pola ofensiva militar de Israel en Gaza e polo que a ONU xa cualifica de xenocidio.

O acto, organizado polo propio Concello de Soutomaior, tivo unha ampla asistencia de público.

A xornada completouse coa actuación musical de Antón Ke, que puxo banda sonora a un encontro no que se mesturaron denuncia, solidariedade e cultura. A cita en Soutomaior sumouse así á rede de mobilizacións que en todo o país reclaman pasos firmes e coherentes para garantir os dereitos do pobo palestino.