A sostibilidade, eixo da II Feira Vegana

O chef Iván Iglesias nun 'showcooking', esta sexta feira no Ifevi de Vigo. (Foto: Nós Diario)
Durante esta fin de semana decorre en Vigo a segunda edición da feira sostíbel da Galiza, Vegana 2022. Charlas, ioga, 'showcookings', obradoiros, cinema e concertos, así como máis de 200 expositores nos que terán presenza ONG e empresas, protagonizarán o evento que decorre desde onte no recinto feiral Ifevi.

Esta sexta feira comezou a segunda edición da Feira Vegana na cidade de Vigo, un evento que proseguirá durante toda a fin de semana no recinto feiral da cidade olívica.

E este sábado, desde ás 10.15 horas da mañá e durante todo o día sucederanse diferentes actividades: charlas, ioga, showcookings, obradoiros, cinema e concertos. Tamén haberá actividades especializadas para o público infantil. O domingo continuará a feira con máis actividades similares.

Organizacións non gobernamentais e empresas de diversos sectores están representadas nos máis de 200 expositores cos que contan as instalacións de Vegana 2022, que decorre esta fin de semana no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi).

Desde a organización da segunda feira vegana e sostíbel da Galiza sinalan que a alimentación "é sen dúbida unha das mellores ferramentas, e ao alcance de todas as persoas, que temos para axudar a salvar o planeta e a mellorar a nosa saúde". Así mesmo, sinalan que do coidado que poñamos na nosa alimentación "depende o noso sistema inmunolóxico, así como as redes comerciais de proximidade e o mesmo ecosistema".

"Precisamos un profundo cambio de hábitos", subliñaron desde a organización

 A feira nace, indican desde a organización, "da necesidade de amosar ao público galego e do norte de Portugal todas as empresas especializadas nunha produción vegana e sostíbel".

Explican ademais, que "tanto a pandemia da Covid-19 coma o quecemento global, a contaminación e o plástico que se estenden polos nosos océanos acaban coa biodiversidade" e demostran "que precisamos un profundo cambio de hábitos". A proposta desta feira incide na "necesidade de propiciar un consumo máis responsábel e sostíbel, e de facelo dun xeito asertivo, pedagóxico e, por que non, tamén divertido".

O obxectivo principal é promover un estilo de vida máis vexetal, saudábel e sostíbel estimulando a participación cidadá nun evento que combina consumo responsábel, inclusión e coidado do medio ambiente.

A sociedade actual, explican desde a organización, "comeza a demandar dun modo cada vez máis apremante a necesidade de cambiar certos hábitos pouco respectuosos co medio e que temos fondamente interiorizados". Por iso, desde Vegana queren amosar dunha forma próxima, pracenteira e asertiva a riqueza natural, humana, gastronómica e cultural da Galiza, afirman os promotores.