SOS Sanidade ve "lamentábel" a situación da Atención Primaria
SOS Sanidade Pública fixo esta quinta feira en rolda de prensa en Compostela un chamamento á cidadanía á "mobilización permanente" nos vindeiros meses diante da "lamentábel" situación da Atención Primaria na Galiza. Desde a entidade prevén un incremento das manifestacións locais nos vindeiros meses, o que valoran como un "prequecemento" para unha mobilización xeral que estudan convocar a comezos de 2026 en Compostela.
Na rolda de prensa decorrida esta quinta feira en Compostela, o portavoz da plataforma, Manuel Martín, destacou que "todo o mundo coñece os gravísimos problemas de acceso a centros de saúde e a falta de persoal que sofren" estes centros sanitarios en todo o país.
Sinalou Martín que as plataformas veciñais a nivel local manterán as súas protestas até o inverno e “posibelmente até a primavera” baixo o lema “Non baixaremos os brazos diante da demolición da sanidade pública galega”. Os obxectivos, segundo a plataforma SOS Sanidade, pasan por “recuperar e fortalecer” a Atención Primaria na Galiza para “rematar coas listas de agarda inaceptábeis e manipuladas”.
Denunciaron esta quinta feira os membros da plataforma, acompañados de representantes de organizacións sociais e sindicais na súa loita, que as actuais listas de agarda oficiais do Servizo Galego de Saúde “non responden á realidade". Tamén sinalaron como obxectivos das protestas “alcanzar condicións de traballo dignas e dedicación exclusiva para o persoal que traballa na sanidade pública galega”.
Na listaxe de eivas da sanidade pública galega, desde a plataforma falaron tamén da necesidade de “limitar o poder dos laboratorios e as multinacionais tecnolóxicas”, que segundo dixo Martín representan actualmente “entre 25 e 30% do gasto sanitario", a porcentaxe dedicada a medicamentos. Desde SOS Sanidade Pública advirten de que "isto pode pór en risco o mantemento do sistema sanitario público”.
Convocatoria nacional
Desde SOS Sanidade animaron a poboación a seguir saíndo á rúa a protestar polas deficiencias da sanidade pública nos concellos e avanzaron que haberá “unha mobilización xeral á volta do Nadal”, aínda sen data concreta, pero que será en Compostela e na que SOS Sanidade agarda unha participación “enorme” e acorde co “descontento que medra por momentos coa sanidade pública galega”, dixo Martín.
A responsábel de política social de CCOO, Maica Bouza, anunciou tamén unha concentración de SOS Sanidade diante do Parlamento da Galiza coincidindo co debate parlamentario do proxecto de orzamentos da Xunta da Galiza para 2026 -que previsibelmente chegará ao pleno parlamentario entre os meses de novembro e decembro-, co obxectivo de reclamar “que non van na liña de atender a saúde”. Bouza demanda “recursos económicos e humanos suficientes” para que a sanidade pública galega teña “atención de calidade”.