SOS Sanidade Pública presenta unha ILP para "revitalizar a Atención Primaria"

Persoal sanitario do centro de saúde Illas Canarias de Lugo, contra o abandono do sistema de saúde o pasado mes de febreiro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Colectivos sanitarios, sociais, políticos e sindicais apoian unha Iniciativa Lexislativa Popular que busca abrir o debate sobre a situación e o futuro das consultas de medicina familiar e comunitaria a toda a cidadanía e fortalecer os mecanismos sanitarios da Atención Primaria.

A Plataforma SOS Sanidade Pública presenta na mañá desta cuarta feira, 22 de xuño, no rexistro do Parlamento da Galiza, unha proposición de lei de iniciativa popular que inclúe unha serie de "medidas para recuperar e fortalecer a Atención Primaria", cada vez "máis deteriorada" na Galiza.

Representantes das plataformas sanitarias territoriais, organizacións sociais, políticas e sindicais que apoian a iniciativa participarán no acto de inscrición da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) na Cámara galega, un texto articulado que busca chegar a toda a cidadanía "para loitar conxuntamente por unha sanidade primaria pública e de calidade para todo pobo galego", recoñecen desde a o colectivo.

En conversa con Nós Diario, Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade Pública, destaca as vantaxes deste mecanismo de participación directa da cidadanía no Parlamento galego. "Por suposto que nos gustaría que a Cámara tomase en consideración a nosa proposición de lei e se chegase a debater, mais coa correlación actual de forzas políticas sabemos que é o complicado".

Con todo, non é o máis importante para a comisión promotora desta ILP. Manuel Martín destaca a importancia de "todo o traballo previo" á culminación do procedemento que este 22 de xuño, bota a andar coa presentación da proposición no rexistro do Parlamento galego.

"O que buscamos é poder debater a situación da Atención Primaria coa cidadanía e discutir as propostas que queremos introducir". Nos próximos meses prevén encontros en diferentes localidades para favorecer a participación cidadá e recoller as 10.000 sinaturas que exixe iniciativa popular.

Debilidades da Primaria 

"A ILP que presentamos non pretende suplantar a Lei Galega de Saúde, senón implantar unha serie de medidas que revitalicen unha parte esencial do sistema sanitario público galego", afirma Martín. Son medidas de carácter urxente, engade, dada a "gravidade" da situación que atravesa a Atención Primaria.

Así, o articulado da ILP repara en tres grandes obxectivos. O primeiro, dirixido a corrixir a falta de accesibilidade ás consultas médicas. "A atención ten que ser persoal e presencial, sen tempos de agarda tan elevados como os que se dan agora, e telefónica só cando o decida o paciente".

Os cadros de persoal acusan carencia de recursos, axendas esgotadoras e unhas condicións laborais precarias e pouco estábeis, di. "Isto xera fatiga, frustración e fuga de profesionais. Vémolo na área de Vigo, de 23 que se formaron en medicina familiar só 10 parece que queren quedar".

A proposta de SOS Sanidade Pública chama a fixar "uns mínimos razoábeis" en canto a número de centros e profesionais dispoñíbeis. "Trátase de garantir calidade e equidade na atención", tanto das mulleres como da poboación rural, por exemplo. "Coidar da saúde reprodutiva das mulleres exixe estabelecer como mínimo unha matrona por cada 5.000 mulleres, ademais de revisar a ratio de médicas e enfermeiras para cada contorna poboacional". 

Martín urxe mellorar as condición laborais do persoal, unha convocatoria anual de prazas así como a recuperación dos consultorios periféricos fechados. "É a única forma de aproximar a Atención Primaria á poboación rural, dispersa e envellecida, coa que debe ter unha relación estreita".

Xerencias propias e participación cidadá

"A Atención Primaria non ten capacidade para decicir sobre os seus recursos, sobre o persoal e o orzamento que precisa para poder atender a poboación  o primeiro nivel". Son os hospitais quen deciden, asegura Manuel Martín que destaca como terceiro grande obxectivo da ILP a recuperación das Xerencias de Atención Primaria e o desenvolvemento das competencias dos Consellos de Saúde.

A proposición de lei de iniciativa popular chama a mudar a estrutura organizativa do sistema sanitario galego e dos centros de saúde. "Dunha banda para incorporar a cidadanía e favorecer a súa participación, e doutra para transformar o funcionamento das consultas, centradas case exclusivamente na atención da enfermidade mentres descoidan a promoción, a prevención, a rehabilitación e o traballo comunitario; fundamentais para actuar sobre os condicionantes da saúde".