SOS Sanidade Pública pospón a manifestación de Vigo para reducir o risco dos coronavirus

María José Diéguez, da xunta de persoal, e Manuel González Moreira, de SOS Sanidade Pública (Europa Press).
A Plataforma SOS Sanidade Pública desconvoca a mobilización do persoal sanitario prevista para o 17 de marzo. A mobilización polas rúas de Vigo será virtual, a través das redes sociais

"Por responsabilidade". A plataforma SOS Sanidade Pública e a xunta de persoal da área sanitaria de Vigo anunciaron onte que desconvocan a manifestación das profesionais sanitarias prevista para o vindeiro 17 de marzo polas rúas da cidade. No seu canto, anuncian unha mobilización virtual á que poderá sumarse toda a cidadanía co cancelo #17MpolaSanidadePublica.

"Decidimos pospoñer a manifestación porque se trataba dun acto convocado polas profesionais sanitarias que chamaba á súa mobilización. Neste contexto, consideramos que se podía incrementar o nivel de risco e de exposición do persoal sanitario ao coronavirus cando todo os esforzos deben ir dirixidos a protexelas", explica a Nós Diario Manuel González Moreira, portavoz da plataforma SOS Sanidade Pública na área de Vigo. 

As demandas non mudan

En consecuencia, desde hoxe mesmo promoven unha campaña nas redes sociais dirixida a toda a poboación para que "a xente se anime a contar por que é importante a sanidade pública, máis aínda neste  momento, no que está de sobra xustificado pór en valor unha sanidade pública e unha Atención Primaria fortes", engade.

Moreira mantén que as razóns que as levaron a convocar a mobilización do 17 de marzo "seguen vixentes". "Se a desconvocamos é por responsabilidade nun contexto de crise sanitaria" e non porque pensen que xa non hai necesidade de levala a cabo. "Máis ca nunca é preciso defender a sanidade pública nesta área sanitaria".

As reivindicacións do colectivo sanitario da área de Vigo seguen a ser as mesmas. Reclaman recursos asistenciais. "Necesitamos profesionais de todas as categorías, médicas de familia e pediatras, sobre todo, mais tamén especialistas que agora non están na Atención Primaria co fin de ofrecer unha asistencia multidisciplinar aos problemas das doentes". E para isto, recalca, necesitan recursos e unha mellora das condicións de traballo; un incremento progresivo de até 25% para que as estudantes de Medicina elixan a especialidade de familia e tamén traballar en centros de saúde. Ademais, sinala, necesitan recuperar unha xerencia de Atención Primaria para xestionar os seus propios recursos.

Contención do coronavirus 

Sobre o brote epidémico de SARS-CoV-2, González Moreira fai un chamamento á "responsabilidade" no uso dos servizos sanitarios e co fin de reforzar as medidas de contención do virus. "Sen prevención a progresión pode ser tan acusada que os recursos asistencias non serán capaces de cubrir a demanda". Así, pide minimizar o risco de contaxio entre as traballadoras da sanidade pública e as persoas susceptíbeis de padecer problemas asociados.