SOS Sanidade Pública mobilizarase durante "todo o verán" para "iniciar a recuperación" da Atención Primaria

Manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en Compostela o pasado 14 de novembro. (Foto: Arxina)
"Durante meses, a poboación e as plataformas para a defensa da sanidade pública convocaron mobilizacións cada vez máis numerosas, moitas delas con apoio municipal, sen que o Sergas se digne a contestar e o conselleiro négase a reunirse con estas entidades", sinala a plataforma. 

A plataforma SOS Sanidade Pública vén de facer un chamamento público a seguir con mobilizacións "todo o verán". O colectivo defende que a época estival "non debe ser a tumba da Atención Primaria, senón o inicio da súa recuperación".

Así o informou nun comunicado de prensa, no que indica que "aos problemas de falta de recursos, de consultas telefónicas en lugar de presenciais, de listas de agarda que superan a semana ou os 15 días, ao peche de centro rurais e PAC de urxencias, súmase agora a diminución do persoal sanitario por baixas laborais, vacacións estivais ou incremento de poboación por turismo".

SOS Sanidade Pública asegura que en moitos municipios a situación pode chegar a ser extrema, porque "poden duplicar ou triplicar o número de persoas".

Neste sentido, a plataforma denuncia a "resposta nefasta" da Xunta de "proporcionar vivenda ao persoal médico" en concellos galegos, "rexeitar os pacientes que veñen doutros municipios ou pechar mesmo máis urxencias e PAC".

Mobilizacións "cada vez máis numerosas"

"Durante meses, a poboación e as plataformas para a defensa da sanidade pública convocaron mobilizacións cada vez máis numerosas, moitas delas con apoio municipal, sen que o Sergas se digne a contestar e o conselleiro négase a reunirse con estas entidades", sinala a plataforma. 

Asemade, o colectivo advirte que "as mobilizacións permanecerán e acrecentaranse até conseguir os obxectivos de mellora do sistema sanitario público galego".

Para SOS Sanidade Pública resulta "intolerábel o desmantelamento" da Atención Primaria, as limitacións de acceso aos centros de saúde ou a deterioración sanitaria do sistema público". "O último despropósito é non poder derivar os pacientes directamente aos especialistas" xa que, denuncian, teñen unha "lista de agarda para entrar na lista de agarda".

A plataforma lamenta que a cidadanía teña que contratar seguros privados por esta situación, que "non é a solución", abunda, polo que critica que "a política liberal do PP defende a distribución de bens e servizos por medio de empresas privadas, convertendo neste caso a sanidade nunha mercadoría máis".

Non aceptar "resignadamente" a situación

O colectivo insiste en que non pode aceptar "resignadamente" esta situación, "nin tolerar o desmantelamento do sistema sanitario público por unha administración sanitaria do PP incapaz e en mans de grupos de presión privada".

Deste xeito, chama a organizar "novas e potentes mobilizacións alí onde a situación o requira".