SOS Sanidade Pública denuncia que "a previsión fallou" na campaña antigripal na Galiza e "non hai vacinas"

"A xente demanda a vacina e acabáronse", destacou José María Dios, da plataforma en Compostela.

A Plataforma SOS Sanidade Pública lamentou que "a previsión fallou" na campaña antigripal actual na Galiza e "non hai vacinas" para afrontar a demanda dos usuarios para recibir a dose.

Así o manifestou no marco dunha rolda de prensa o doutor José María Dios, portavoz tamén de SOS Sanidade Compostela, quen puntualizou que "si hai" doses para os maiores de 65 anos -poboación diana da campaña-, "pero non para os menores" desa idade.

"A xente demanda a vacina e acabáronse", destacou José María Dios, que considera que isto sucede "se incitas a máis dos previstos á vacinación masiva", debido ao contexto de coexistencia deste virus coa Covid-19, aínda que se adquiran para a campaña actual na Galiza "200.000 doses máis".

Con respecto a esa situación, como noutras rexistradas en centros sanitarios, José María Dios avisou de que os pacientes "pagan a responsabilidade" cos profesionais "que están a pé de obra".

Polo que lembra aos usuarios que "hai follas reclamacións" para os desconformes coa atención recibida.

O pasado 13 de outubro comezou na Galiza a campaña de vacinación contra a gripe, unha iniciativa que se repite cada ano co ánimo de chegar especialmente aos grupos diana fixados pola Consellaría de Sanidade. Mais nesta ocasión, nun contexto de pandemia, o chamamento foi máis enérxico e dirixiuse ao conxunto de poboación.

A resposta da cidadanía non tardou en producirse. Moito antes de que os centros de saúde tivesen dispoñíbeis as súas axendas para comezar a programar as primeiras vacinacións, os teléfonos dos ambulatorios non deixaban de soar. As persoas asiduas da campaña e outras moitas que pensaban pór a inxección por primeira vez querían reservar xa a súa cita.

Máis recursos e persoal para AP

A Plataforma SOS Sanidade Pública reclamou máis persoal e fondos para os centros de Atención Primaria e hospitais da Galiza fronte á "política de pantalla" do Goberno da Xunta.

Así o manifestaron epresentantes da plataforma, que denunciaron que "a Xunta está a marxinar a sanidade pública", á vez que avisaron da "situación crítica" dos centros de saúde galegos.

O portavoz da plataforma, Manuel Martín, cualificou de "inaceptable" que os pacientes "teñan que esperar facendo cola na rúa" ou que agarden "máis de 15 días" nalgúns casos para recibir atención telefónica. "A xente necesita ter acceso ao sistema de entrada", afirmou en relación á Atención Primaria, para advertir de que "se está pondo en risco a saúde e a accesibilidade".

"Non se está facendo prevención de saúde", subliñou Manuel Martín, quen comentou que aseguradoras "ofrecen seguros lixo a 15 euros ao mes". A iso sumou que hai "hospitais semiparalizados", o que repercute no "incremento das listas de espera" que "a Administración (autonómica) non pon en coñecemento da poboación".