SOS Sanidade Pública culpa a concesionaria das deficiencias no servizo do novo hospital de Vigo

A asociación galega en defensa da sanidade pública responsabiliza a empresa concesionaria das “constantes incidencias e deficiencias” que teñen lugar no novo hospital de Vigo, entre os que salienta os problemas na UCI, a falta de camas e os recortes de persoal.

SOS Sanidade Pública considera que o déficit de camas, os problemas nas unidades da UCI ou a redución de persoal no novo hospital de Vigo non son cuestións puntuais, senón que responden aos ditados da empresa concesionaria. Así o advirte nun comunicado, no que denuncia os “problemas estruturais” do centro hospitalario.

A entidade en defensa da sanidade pública critica a redución do proxecto do hospital e a súa privatización e reivindica o resgate da concesión e a súa integración no Sergas. SOS Sanidade Pública, que reclama a dimisión da xerencia, tamén dá conta do aumento das listas de espera.

“Mentres o Sergas di que os pacientes na lista de espera de cirurxía son 7.354, en realidade son 20.356”, afirma a asociación, que engade que en Povisa existen 4.388 pacientes máis en lista de espera. Desta maneira, asegura que os pacientes en espera a seren operados na área sanitaria de Vigo son máis de 25.000.

[No número 181 de Sermos Galiza publicamos un A FONDO dedicado á concesión do novo hospital de Vigo, cun artigo íntegro de Antón Beiras Cal. Está dispoñíbel na nosa loxa]