SOS Sanidade Pública convoca concentracións para o 26 de abril en defensa da Atención Primaria

12-F: Manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en Compostela. (Foto: Arxina).
SOS Sanidade Pública lembra que a Organización Mundial da Saúde (OMS) refírese á Atención Primaria como a "pedra angular" dos sistemas sanitarios e fixa unha serie de medidas a aplicar nos países de todo o mundo que comparte a plataforma.

A Plataforma SOS Sanidade Pública celebrará esta cuarta feira, 12 de abril, o Día Mundial da Atención Primaria con pequenos actos en diferentes localidades galegas, pero fai un chamamento á cidadanía a participar nunha "gran mobilización social e profesional" con concentracións o próximo 26 de abril.

Segundo informa nun comunicado, estas son as principais actuacións que o colectivo desenvolverá no marco desta data contra unha Xunta da Galiza cuxa "única estratexia", denuncia, é "desmantelar e privatizar" o primeiro nivel asistencial.

SOS Sanidade Pública lembra que a Organización Mundial da Saúde (OMS) refírese á Atención Primaria como a "pedra angular" dos sistemas sanitarios e fixa unha serie de medidas a aplicar nos países de todo o mundo que comparte a plataforma.

Son propostas como "reforzar" a Primaria, organizar os servizos sanitarios "de forma integrada" e dotar os cidadáns "de capacidade de participación e decisión", entre outras que, segundo SOS Sanidade, como consecuencia da masiva manifestación en Santiago o 12 de febreiro, conta co apoio da poboación.

Falta de financiamento

"Ningún sistema, por forte que sexa, pode sobrevivir a falta de financiamento, persoal e á mala organización e xestión", advirte o colectivo, que denuncia que até o de agora "as únicas medidas adoptadas" pola Xunta da Galiza eran "meros retoques para suplir" a realidade e suprimir a obriga de dedicación exclusiva".