SOS Sanidade Pública convoca unha mobilización o 1 de febreiro en Compostela para "defender o dereito á saúde"
A Plataforma SOS Sanidade Pública da Galiza convoca unha nova manifestación o 1 de febreiro en Santiago de Compostela para defender o dereito á saúde e frear a destrución e privatización dos servizos sanitarios públicos, cuxo "desmantelamento" avanza a gran velocidade, denunciou esta cuarta feira.
Representantes das plataformas comarcais da Coruña, Compostela, Sanxenxo e Catoira; así como de partidos políticos e sindicatos membros da entidade –BNG, Podemos, CIG e CCOO– participaron esta cuarta feira nunha rolda de prensa na que o voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, deu a coñecer os detalles da convocatoria.
A marcha partirá da Alameda de Compostela ás 12 horas e finalizará na praza do Obradoiro, onde membros das plataformas locais, máis dunha trintena mobilizadas nos últimos anos, darán lectura a un manifesto que fará fincapé na necesidade de virar o rumbo das políticas sanitarias para frear "a destrución, o desmantelamento e a privatización do sistema sanitario público galego por parte do Goberno do Partido Popular".
Saúde na pública
"Mobilízate para defender o teu dereito a saúde" é o chamamento que lanzan desde a plataforma para reclamar "Máis sanidade pública"; accesíbel, dotada de persoal suficiente e eficiente tanto na xestión da enfermidade como da prevención da saúde.
"Ou nos mobilizamos ou o sistema seguirá colapsado e en permanente destrución", destacou Martín, quen enumerou algunhas das eivas da atención sanitaria que minguan a calidade asistencial, "listas de agarda interminábeis, acceso imposíbel aos centros de saíde e aos puntos de atención continuada (PAC), colapso das Urxencias hospitalarias, hospitais comarcais desmantelados, falta de profesionais e recursos, desviación de miles de pacientes e cartos a centros sanitarios privados ou crecemento exponencial dos seguros privados, que non cobren a maior parte das doenzas".
Segundo destacaron desde SOS Sanidade Pública esta é a realidade "crítica" da sanidade galega, que mantén "200 concellos sen pediatra" ou "40% das esperas en listas non estruturais", pendentes de cita e fóra das cifras oficiais.
En declaracións a Nós Diario, Xosé María Dios, voceiro da plataforma sanitaria de Compostela, cuestionou a reacción da Xunta da Galiza ante a "destrución" progresiva da sanidade pública. "Achacan o colapso a cousas que pasan todos os anos, pero a causa non é excepcional, o colapso é resultado do desmantelamento da Atención Primaria", a base de todo o sistema. Dios referiuse á "incompetencia" da Administración para resolver un problema recorrente que exixe reformas organizativas e orzamentarias, ademais da contratación de persoal médico e especialistas en condicións que garantan a contratación e permanencia dos profesionais e traballadores sanitarios. "Mais o PP o que fai é practicar unha política que beneficie e engorde a privada".
Ribera Salud
Ribera Salud, empresa que na Galiza xestiona o Povisa, en Vigo, cuxo concerto co Sergas até de marzo de 2027 custará ás arcas galegas 195 millóns de euros, empregou até 10 veces catéteres dun só uso no hospital que dirixe en Torrejón (Madrid) para aforrar diñeiro, segundo unha información publicada por El Diario.
"Desvío" de pacientes e cartos públicos á privada, denuncian desde A Mariña
A veciñanza da Mariña conta máis de tres lustros de mobilizacións en defensa da sanidade pública. "Levamos máis de 16 anos vendo como o sistema sanitario público foi esmorecendo paso a paso", sinalou Carlos Fernández Fraga, médico xubilado de Atención Primaria e integrante da plataforma comarcal que onte confirmou a súa presenza en Santiago o 1 de febreiro. "Estamos a ver como os cartos públicos para a sanidade se desvían a centros privados mentres se desmantelan servizos se ningún miramento e milleiros de pacientes son atendidos na privada a moitos quilómetros do lugar onde viven". Para Fernández Fraga, a Primaria non está a resolver os problemas de saúde da xente. "A entrega o pasado día 15 de case 6.000 sinaturas ao conselleiro de Sanidade en demanda de persoal médico de familia e pediatras da conta do desastre sanitario na Mariña".