Ribera Salud, que xestiona na Galiza hospitais como o de Povisa en Vigo, empregou até 10 veces catéteres dun só uso

Acceso principal ao hospital Povisa de Vigo. (Foto: Grupo Ribera Salud)
O 6 de outubro de 2025, segundo unha información publicada por El Diario, a xefa de auditoría da empresa Ribera Salud enviou un correo aos xefes do hospital público que xestiona na localidade madrileña de Torrexón cunha orde moi clara, que debían reutilizar catéteres de electrofisioloxía, material que é dun só uso, para aforrar diñeiro.

O 6 de outubro de 2025, segundo unha información publicada por El Diario, a xefa de auditoría da empresa Ribera Salud enviou un correo aos xefes do hospital público que xestiona na localidade madrileña de Torrexón cunha orde moi clara, que debían reutilizar catéteres de electrofisioloxía, material que é dun só uso, para aforrar diñeiro. En base ao explicado por este xornal, os catéteres estarían sendo empregados até 10 veces.

Unha orde que sería dada para cumprimentar con urxencia por parte da empresa que tamén xestiona o hospitais como o de Povisa, en Vigo, ao que se realizan derivacións desde o Servizo Galego de Saúde (Sergas). Esta práctica da compañía xa se estaba a facer no hospital público do Vinalopó, que dá servizo á área de saúde Elx-Crevillent (Alacant), tamén xestionado por Ribera Salud, segundo informa este xornal.

Ambos os hospitais citados polo medio de comunicación son públicos de xestión privada, dan servizo a unha área duns 150.000 habitantes e están integramente xestionados por esta empresa, desde os administrativos aos quirófanos, a cambio dun canon que lle pagan a Comunidade de Madrid e a Generalitat Valenciana.

O Grupo Ribera na Galiza

Unha vez máis, o grupo sanitario Ribera Salud está no centro da polémica polas informacións que apuntan ao aforro desta compañía a custa do servizo que dan aos pacientes. Alén do Hospital vigués Povisa, Ribera Salud é propietario na Galiza de dous complexos hospitalarios máis na Galiza —Polusa en Lugo e Juan Cardona en Ferrol— e dunha decena de centros sanitarios e clínicas.

Esta presenza fixo que ao se coñecer diversas informacións as prácticas da empresa, tamén na Galiza haxa preocupación. Unha preocupación que levou o BNG a urxir a que se investigue se en Povisa hai "manipulación" de listas de agarda. En defensa do hospital privado vigués saíu o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño. "Todas as prestacións fanse baixo as máximas condicións de calidade", dixo. "Temos especificamente unha Unidade de Control", engadiu, para explicar que a Xunta da Galiza encárgase de garantir esas condicións. 

Cando Ribera Salud fechou a compra de Povisa por 24 millóns de euros en 2019, o centro hospitalario de Vigo recibía do Sergas pola actividade concertada, uns 78,3. En 2025, recibiu case 20 millóns de euros máis que daquela: 97,5 millóns, os mesmos que vai ingresar da Xunta este ano. Entre 2019 e 2026, Ribera Salud recibe do Sergas ao redor de 655 millóns de euros, segundo os datos do Consello de Contas e da propia Xunta. 2025 e 2026 van ser as anualidades cun maior custo para as arcas públicas.

O ano antes de ser comprado por Ribera Salud, 2018, a daquela propietaria do centro, o grupo Nosa Terra, argumentou que rexistraba perdas para pedir unha renegociación do convenio coa Xunta. O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) rexeitou esa pretensión nunha sentenza, mais o Goberno galego mellorou igualmente as condicións para o grupo que xestiona o hospital.