Denuncia recortes no verán

SOS Sanidade Pública advirte do transvasamento de doentes de Pontevedra a Santiago

Faixa SOS Sanidade Pública nun acto público en Ferrol (Suso Pazos)

A plataforma SOS Sanidade Pública denuncia a “terríbel situación que están a sufrir pacientes da área norte de Pontevedra obrigados a se tratar no servizo de Cirurxía Cardíaca do Complexo Hospitalario Universitario de Compostela”.

SOS Sanidade Pública pon de manifesto nun comunicado de imprensa que as persoas afectadas se desprazaban a Vigo até que o Sergas comezou co transvasamento ao CHUS. Aliás, a plataforma advirte de que os quirófanos da área de Cirurxía Cardíaca do CHUS “só atenden urxencias”.

Neste sentido, SOS Sanidade Pública faise eco do caso dunha muller de 76 anos que necesita a substitución dunha válvula aórtica que se lle implantou en 2003, “a paciente está pendente de novo ingreso, pero a reiteradas chamadas dos familiares ao teléfono do CHUS reciben como contestación que o quirófano só atende urxencias”.

Apertura de quirófanos e fin do transvasamento

A plataforma esixe a apertura “inmediata” de quirófanos para atender estes pacientes, a recuperación do Hospital de Vigo como centro de referencia para doentes da área de Pontevedra e, máis unha vez, a demisión do conselleiro de Sanidade “pola política de feche de quirófanos, camas e consultas no verán”.

O Sergas non tardou en retrucar e asegura que no CHUS “hai actividade cirúrxica diaria de cirurxía cardíaca”. Aliás, e malia as evidencias xurdidas a raíz de numerosas denuncias de persoas afectadas e dos sindicatos, Sanidade nega o feche de camas debido ao verán.