Sos Sanidade lanza unha ILP en defensa da Atención Primaria

Protesta dos traballadores da Atención primaria na Coruña.(Foto:Nós Diario).

Sos Sanidade vén de lanzar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) en defensa da Atención Primaria na Galiza. A plataforma comeza a recollida de 10.000 sinaturas para pór fin aos recortes neste nivel sanitario.

A ILP en defensa da Atención Primaria promovida por Sos Sanidade xa está na rúa. Segundo sinalan desde o colectivo, o seu obxectivo é “debater e no seu caso aprobar polo Parlamento de Galiza unha serie de medidas para salvar e fortalecer a Atención Primaria que sufriu importantes recortes e ten    importantes deficiencias organizativas e funcionais”.

O colectivo denuncia que “a Consellaría de Sanidade leva anos recortando a Atención Primaria e a sanidade pública, para reducir gasto, desmantelar o sistema sanitario público e favorecer ao privado”. Na mesma liña, considera que “o Sergas é incapaz de planificar e  xestionar a Atención Primaria pondo en risco a continuidade do sistema”.

Redución do persoal sanitario

A plataforma crítica que “o persoal reduciuse a menos da metade en moitos centros de saúde, mentres que a prioridade pola consulta telefónica, as barreiras para  contactar e conseguir cita e os feches de centros limitan o acceso á asistencia sanitaria e crean listas de espera inaceptábeis”.

A entidade sinala que na “maioría dos centros desapareceu a promoción, prevención, rehabilitación, a participación e o traballo comunitario, mentres que o persoal, ademais de estar sometido a unha situación de presión inaceptábel, padece unas condicións laborais inestábeis e precarias, incompatíbeis cunha atención de calidade”.

Sos Sanidade entenden que a solución para os problemas de Atención Primaria pasa por “incrementar e dimensionar o persoal, priorizar a atención presencial, reabrir os centros fechados, dar partición á poboación e traballadores na planificación e xestión dos centros ou acabar coa precariedade laboral do persoal”.

O comezo da recollida de sinaturas para a presentación desta ILP coincide cun momento, particularmente, crítico para Atención Primaria na Galiza. Neste sentido, na última semana desenvolvéronse diversas mobilizacións en localidades galegas.

CCOO

A situación de precariedade nos centros de saúde e nos punto de atención continuada (PAC) da Galiza  ten provocado as críticas de Comisións obreiras. Neste sentido, o responsábel do sector da sanidade do sindicato na Galiza, Javier González sinala que “neste verán asistimos a unha serie de situacións límites concatenadas nos PAC da xeografía galega, PACs que quedan sen persoal facultativo, cidadáns que acoden a estes puntos de urxencias extrahospitalarias e non poden ser atendidos pola inexistencia de médico e son remitidos ás urxencias dos hospitais”

“PACs de localidades costeiras sobresaturados debido ao incremento de poboación no período estival nesas localidades e a non dispor de persoal de reforzo, e protestas constantes e xustificadas dun persoal saturado, esgotado e traballando moi por riba das súas xornadas laborais”, afirma González.