SOS Sanidade demanda á Xunta que deixe de culpabilizar a poboación pola segunda vaga

Integrantes de SOS Sanidade na praza do Toural de Compostela once denunciaron once anos de recortes do PPdeG. (Foto: Arxina)
Tras o encontro con representantes de 17 entidades da cuarta feira, a plataforma avanza que solicitará unha reunión co novo conselleiro de Sanidade. "O que motiva as circunstancias actuais é a falta de previsión do servizo de rastrexadores, que non fan un bo seguimento dos contactos, ou os escasos investimentos no servizo público de saúde", afirman.

Representantes de 17 entidades, entre as que se contan asociacións científicas, sindicatos ou representantes dos partidos da oposición, responderon onte á convocatoria da plataforma SOS Sanidade. “Acordamos solicitar unha reunión co novo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña”, explica a Nós Diario Xosé María Dios Diz, integrante do colectivo e médico de Atención Primaria.

A maiores, as entidades traballan nun comunicado no que queren expor a problemática sanitaria actual. "A Administración do Partido Popular carga as tintas sobre as reunións familiares, os encontros da mocidade ou o ocio nocturno, responsabilizándoos da transmisión da Covid-19 ou da sobrecarga dos centros de saúde", avanza Dios Diz, asegurando que é "rotundamente falso"

Un problema estrutural

"O que motiva as circunstancias actuais é a falta de previsión do servizo de rastrexadores, que non fan un bo seguimento dos contactos, os escasos investimentos no servizo público de saúde ou os recortes acumulados na Atención Primaria", valora este profesional, quen considera que se está a "demonizar" á poboación.

O problema, insiste Dios Diz, é estrutural e non individual. "Non se contrataron máis profesionais no medio desta pandemia. A Atención Primaria é a porta de entrada da poboación ao sistema sanitario, mais seguen sen cubrirse as baixas ou vacacións do persoal. Seguimos con cotas de doentes de até 50 persoas ao día", exemplifica que onte recibiu "42 pacientes" e antonte 47.

Atención telefónica

Respecto ao novo responsábel do departamento de Sanidade, o integrante de SOS Sanidade asegura que se lle debe conceder un tempo "para comprobar que liña de traballo segue". "Con todo, hai que ter en conta que a reunión sectorial cos sindicatos non decorreu ben. A Xunta teima en priorizar a atención telefónica, dificultando o acceso da poboación dos centros de saúde", puntualiza Dios Diz, facendo referencia ás persoas maiores ou con escasa cobertura telefónica ou de internet nos seus fogares.

A maiores, apunta a que o plataforma sopesa novas mobilizacións debido a que a "sobrecarga de traballo continúa". "O caso da pediatría é o exemplo dun servizo saturado porque xa estaba conxestionado", di.