SOS Sanidade agarda unha mobilización masiva o 14 de novembro en defensa da Atención Primaria

Acto en defensa da sanidade pública en Compostela. Foto:@GorettiSRei

Os colectivos en defensa da sanidade pública fretan autobuses a Compostela desde a totalidade das comarcas galegas.

A manifestación nacional en Santiago de Compostela de 14 de novembro en defensa da Atención Primaria quenta motores nas diversas comarcas galegas. Hoxe mesmo, en Santiago de Compostela membros da plataforma SOS Sanidade teñen realizado un reparto de propaganda na zona da Praza de Abastos e despregado unha faixa en defensa da sanidade pública.

Os actos explicativos sucédense ao longo do país. A sección mariñá de SOS Sanidade ven de anunciar unha recollida de sinaturas para o próximo 9 de novembro na porta principal do hospital da Costa.

Segundo sinala a voceira do colectivo, Montse Porteiro “o acto pretende informar a veciñas e veciños dos motivos para mobilizarse en defensa dunha sanidade pública de calidade e nomeadamente  da Atención Primaria, que nestes momentos atópase nunha situación de desmantelamento completo”

Porteiro denuncia a “falta de profesionais, sobrecarga de traballo por ter que asumir pacientes de compañeiros que piden permisos sen cubrir, orzamentos escasos, e xornadas laborais con pacientes a atender non asumíbeis”.

Críticas pola situación do Hospital da Costa en Burela

A voceira de SOS Sanidade na Mariña  crítica a situación do hospital da Costa afirmando que “detrás dunha fachada moi bonita atópanse múltiples carencias e poucas o ningunha solucións aos problemas do hospital nestes momentos de insuficiencia de medios é cando se ve quen é o que realmente está a mentir a mariñás e mariñaos”.

A protesta convocada por SOS Sanidade para o 14 de novembro vai partir ás 12:00 desde a Alameda Compostelán e nela agardan os organizadores unha presenza masiva como testemuñan os autobuses previstos desde diversas localidades galegas.

SOS Sanidade é unha plataforma en de defensa da sanidade pública, da que fan parte ducias de colectivos sociais, as principais organizacións sindicais galegas e forzas políticas como o BNG, o PSdeG, Unidas Podemos ou Esquerda Unida.