Profesionais do audiovisual lanzan un SOS: "Non deixes morrer a ficción en galego"

Detalle da campaña en redes sociais da plataforma pola defensa da ficción en galego (Imaxe: @SOSficcionGAL).
Traballadores e traballadoras do sector audiovisual da Galiza instan a TVG a mudar as súas políticas e a protexer a ficción en galego.

No mes de setembro, coincidindo co inicio dunha nova temporada televisiva, deuse a coñecer na Galiza a Plataforma pola defensa da ficción en galego. Un movemento integrado e apoiado por traballadoras e traballadores do sector audiovisual co obxectivo de frear o seu desmantelamento e "evitar a súa desaparición". 

"Non deixes morrer a ficción en galego" e "SOS ficción en galego" son as dúas primeiras proclamas do colectivo. Dous cancelos que nas redes sociais acompañan un vídeo de presentación que defende o dereito do público galego a consumir ficción en galego e que urxe á Televisión da Galiza a atender os requirimentos da súa lei de creación.

"A TVG foi durante moito tempo o centro da produción audiovisual en galego" e, dalgunha maneira, a responsábel dunha industria moi potente que chegou representar 3% do PIB galego, sinalan desde a plataforma a Nós Diario. "Hoxe está por baixo de 1%".

Ficción e audiencia

Segundo denuncian, nos últimos anos baixou a produción e caeron os orzamentos, o que conduciu a un desmantelamento progresivo do sector que afecta a actores, actrices, guionistas, técnicos e cámaras "que conforman un sector estratéxico", como recoñece a propia Lei de creación da TVG.

Neste sentido, din, a norma recolle a obriga de potenciar e promocionar a ficción en galego, "algo que se perdeu nos últimos anos". No canto de coidala "estana maltratando, premeditadamente ou non". Sen produción ningunha e con programacións contra a media noite "de cousas que noutros países van ás 21 ou ás 22 horas". Por iso instan á TVG a mudar o seu interese para protexer a ficción en galego e a súa audiencia. "Porque o público ten dereito a consumila".