Médicos da Primaria lanzan un "SOS" á Xunta: a metade dos facultativos poderían xubilarse en cinco anos

Vigo mobilizouse a comezos de maio na defensa da Atención Primaria. (Foto: Nós Diario)
Nove prazas do MIR quedaron sen cubrir na Galiza, algo que a CESM atribúe a que "non é atractiva" porque paira sobre este servizo unha "sobrecarga de traballo inasumíbel".

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos na Galiza (CESM Galiza) vén de lanzar un "SOS" á Xunta ante a falta de facultativos de familia e pediatras en Atención Primaria para lograr a taxa de reposición "a medio prazo", porque, avisa, "de non ser así, o primeiro nivel asistencial colapsará, xerando un efecto dominó no resto do sistema público de saúde".

Esta central sindical pon o acento en que "se existe un rexeitamento por parte dos MIR" a acceder á Primaria, "como se puxo de manifesto na última convocatoria con máis de 200 vacantes no conxunto de España, das que nove quedaron sen cubrir na Galiza", iso, sostén, "é porque os xestores nunca se preocuparon de que a Medicina de Familia se vise como atractiva pola proximidade co paciente, porque non souberon estabelecer mecanismos de fidelización e porque a sobrecarga de traballo é totalmente inasumíbel".

Engade CESM que o procedemento de elección MIR aplicado nas últimas convocatorias "deixa moito que desexar". "Como xa manifestamos en Madrid o pasado mes de marzo, cando apoiamos as mobilizacións dos futuros facultativos, para reclamar un sistema de elección de praza aproximando o sistema de elección en tempo real, por ser moito máis xusto e non vulnerar os dereitos dos aspirantes", esgrime.

Nos próximos cinco anos poderían xubilarse case a metade dos facultativos

Este sindicato médico expón que nos próximos cinco anos 40% dos 2.250 médicos de familia e pediatras de Atención Primaria do Sergas, que supoñen 900 profesionais, "poderían optar á xubilación, incrementando notablemente o déficit actual que temos destes facultativos".

Por iso, advirte que con esa taxa de reposición "unicamente se lograría cubrir as prazas actuais, pero de ningún modo reduciriamos o cociente de 1.200 cidadáns por facultativo ao historicamente obxectivo perseguido de 1.000 cidadáns por médico", para o que, asegura, "farían falta 450 profesionais máis".

"E, aínda así, continuariamos moi afastados de cocientes de países da nosa contorna como Portugal, onde hai un profesional por cada 385 cidadáns, ou Países Baixos onde a media é de 620", abunda.

Evitar o "colapso" do sistema sanitario no verán

Aliás, CESM reclama á Xunta "que tome as medidas necesarias para reforzar a Atención Primaria no verán", xa que coas vacacións o persoal "reducirase nun terzo", estima, "e os facultativos terán que atender os pacientes dos seus compañeiros, alén dos miles de turistas que se prevé que cheguen á Galiza, cunha pandemia aínda latente e un Ano Santo como o que se celebra".

Con estas premisas, os facultativos alertan de que se non se toman medidas "con carácter urxente" para "atenuar a situación" no verán, "un ano máis o colapso en Atención Primaria está garantido", apostila.

De forma paralela, cuestiona "cal foi a xestión realizada polas administracións na última década", para que "unha Atención Primaria modélica e moi valorada pola cidadanía, pasase a ser o 'patito feo' do Sistema Nacional de Saúde" por, argumenta, "a imposición de consultas telefónicas durante a pandemia, polo incremento das listas de espera e pola demora de até unha semana á hora de poder dar unha cita pola insoportábel carga asistencial soportada".