Caderno de Verán

Scrapbooking ou como crear un soporte para os recordos

As participantes dun obradoiro organizado por Galiscrap (Foto: Iria Domínguez)
O 'scrapbooking', unha disciplina moi estendida nos Estados Unidos, conta cada vez con máis xente seguidora na Galiza. Esta forma de manualidades permite crear regalos únicos como marcapáxinas ou cadernos para as fotos das vacacións.

As vacacións abeiran a súa fin e hai que pensar en que facer coas fotografías. Malia que normalmente xa non se imprimen, cómpre recordar un verán histórico por diversas cuestións. A mellor forma de facelo é creando un proxecto de scrapbooking coas imaxes favoritas deste tempo de lecer. Esta actividade leva xa varios anos estabelecida na Galiza e cada vez hai máis xente que se anima a converterse en creativa.

No confinamento as manualidades e o scrapbooking foron unha arte moi socorrida para un bo número de persoas, pero agora tamén se lle pode sacar un gran partido a esta habilidade. Só hai que xuntar as fotos da familia, os resgardos dos lugares visitados e pensar no que transmitiu a experiencia para confeccionar un álbum.

Para as e os non iniciados, a Asociación Galega de Scrapbooking e Manualidades (Galiscrap) define a práctica como “unha disciplina manual na que buscamos a maneira de gardar os nosos recordos facendo nós os nosos propios álbumes”.

“Non só para pór fotos neles, mais tamén para gardar calquera cousa que recorde unha viaxe, un momento da nosa vida como, por exemplo, un billete dun museo, o pano de mesa dun restaurante, a folla dunha árbore...”, destaca a presidenta, Iria Domínguez.

Entre as túas ferramentas estarán, seguro, unhas tesoiras, pegamento, cinta de dobre cara e papeis decorados. Mais como é relaxante e divertida, esta arte engancha e acaba pedindo máis materiais. O bo é que se pode aproveitar todo o imaxinábel: desde un botón dunha camisa vella até a rede na que viñan os allos do supermercado.

“Todas temos cousas que nos fan rememorar os mellores momentos da nosa vida e iso é o que fai un ou unha scrapeira: plásmao nun soporte feito por un mesmo, e escribe nel, pinta nel... Sen medo…”, resume a representante de Galiscrap.

Tanto triunfa a actividade por estes lares que xa hai persoas que traballan con marcas americanas, como poden ser o lucense Obed Marshall ou a viguesa de adopción Sami Garra. Hai tempo que outra das mestras, Alúa Cid, comezou a lanzar as súas coleccións propias de papeis decorados e complementos desde Ferrol.