En San Sadurniño

Sons na Cortiña, diversión para todos os públicos

Unha das actividades dunha edición anterior [Imaxe: Sons da Cortiña]
Entre a Feira Rural e o Chanfaina Lab, San Sadurniño coloca na axenda de lecer do país o Sons na Cortiña, o festival para todos os públicos, crianzas e maiores, na contorna do río Xuvia. 

A intensa semana que está a vivir o concello de San Sadurniño, que o sábado acolleu a undécima edición da súa Feira Rural e a vindeira semana regresa co Chanfaina Lab, ten hoxe unha cita co lecer para todos os públicos. O Sons na Cortiña ofrece ao longo do día actividades e diversións para crianzas e maiores. 

A andaina solidaria a beneficio da Asociación Española contra o Cancro, unha exhibición de hip hop a cargo da Asociación Brío, unha das entidades colaboradoras -xunto coa Deputación- neste evento organizado polo Concello, e a sesión vermú con batukada por conta da Asociación Concienciarte darán paso, após un xantar a prezos populares, aos xogos populares e tradicionais, a un espectáculo de circo, un obradoiro de chapas e un circuíto de coches de radiocontrol. 

A partires das 17.30 horas é a quenda da música. Uxía Lambona e a banda molona e, deseguido, The Tetas Van completarán unha xornada que aproveita a contorna do río Xuvia ao seu paso polo concellos para desenvolver unha festa pensada para o gozo das familias.