Sonia Villapol, neurocientífica: "Hai quen non puido volver ler unha páxina dun libro despois da Covid"

Sonia Villapol, neurocientífica e profesora no Weill Cornell de Nova York.
Sonia Villapol (Bretoña, 1977) é neurocientífica e profesora. Traballa no Texas Medical Center de Houston, nos EUA, e forma parte do Equipo de Investigación Internacional da Covid-19. En conversa con 'Nos Diario', repasa a evolución da pandemia e as investigacións en marcha contra o coronavirus.

-Que supuxo a aparición da variante Delta na evolución da pandemia?

-A Delta mudou o ciclo de infección. Goza de maior carga viral e a súa capacidade de transmisión é maior. O período de incubación é máis curto e a infectividade en asintomáticos, máis alta. Estendeuse nun momento en que a vacinación avanzaba e se relaxou o uso da máscara entre a poboación inmunizada. Pero a Delta pode infectar as persoas vacinadas con máis frecuencia do esperado.

Os casos de contaxio polas variantes anteriores en persoas vacinadas eran insignificantes, pero coa Delta non. Infecta tamén a quen recibiu a pauta completa contra a Covid, e aínda que os síntomas sexan mínimos, o virus queda no tracto respiratorio superior. Coas vacinas actuais non se produce suficiente inmunoglobulina A para bloquear o virus nas vías respiratorias superiores e isto é o que fai que quede aí almacenado e se transmita.

-Tamén afastou o obxectivo da inmunidade colectiva.

-Antes falábase de alcanzar 70% da poboación vacinada e agora xa se apunta unha porcentaxe de 80% ou máis. E é preciso incluír os adolescentes aí, e moi necesario ir pensando tamén na poboación máis cativa.

-Hai debate ao respecto, sobre os beneficios e os riscos de vacinar a poboación nova.

-Está claro que os estudos para as adolescentes están aprobados, para toda a rapazada de máis de 12 anos. A evidencia clínica e científica demostran a eficacia, seguridade e protección da vacina. É certo que se observaron algúns casos leves de miocardite en mozos de 20 anos, mais cunha evolución rápida e positiva. En canto ás vacinas para menores de 12 anos estanse completando os ensaios -de seis meses a 11 anos-.

Nos EUA estase falando xa de vacinar estes grupos a partir de outubro, porque aos de 12 de en diante xa os queren todos inmunizados -aínda que non é obrigatorio- para gozar dunha porcentaxe importante de alumnado vacinado nos institutos. Agora mesmo un 48% xa ten as dúas doses e o proceso vaise acelerar co inicio do curso. 

-Cre que aquí as autoridades sanitarias deberían optar por unha estratexia similar?

-Creo que é necesario porque a xente máis nova constitúe un vector de transmisión radical e silente. A partir dos 10 anos transmiten igual que a poboación adulta. E con menos, tamén transmiten o virus. Cando se di que as crianzas non contaxian é mentira, e cando se di que os contaxios proceden da casa e non do colexio tamén o é, porque non se fai a trazabilidade e secuenciación de todos os casos para dar coa súa orixe. Habería que combinar rastrexo e secuenciación, e secuenciar todos os positivos para saber que variante provocou a infección e que tratamento específico se debería aplicar.

Se non se lla máis importancia, vai haber crianzas con vulnerabilidades que van acabar no hospital. E agora o virus repercute sobre todo en quen non está vacinado, e nese grupo está a cativada. 

-As vacinas axudaron ao control da enfermidade grave e das mortes por coronavirus. Tivo algún impactos na Covid persistente?

-Estase analizando e, de momento, hai algo de controversia ao respecto. O que máis abundan son enquisas entre quen padece esa fatiga crónica, dor de cabeza, perda de memoria, trastornos de atención, mesmo nas redes sociais. Hai artigos científicos que citan eses grupos e apuntan que arredor de 70% recoñecen que melloran aos poucos días de recibir a vacina. Pero tamén están aparecendo casos de persoas con certas vulnerabilidades que despois da vacina ven agravados os seus problemas, polo que hai que seguir analizando como inflúe e a quen se lle recomenda.

-Ao tempo que se avanza en investigar o seu impacto e o mellor tratamento.

-Cando todo o mundo estea vacinado, o que vai quedar e a Covid persistente, que afecta un 25% das persoas que pasaron a enfermidade con independencia da gravidade. Terán secuelas por cinco ou seis anos, unhas de forma inmediata e outras máis tarde. Hai quen non pode ler unha páxina dun libro despois da Covid, quen desenvolveu unha nova hipertensión ou problemas do sistema inmune. E todo require análises clínicas específicas para determinar que rastro deixou a Covid e que tratamento cómpre.

-Será precisa unha terceira dose da vacina? 

-Si na medida en que novas variantes mingüen a efectividade das actuais e requiran máis e mellor información para o noso sistema inmune. E tamén mentres non dispoñamos dunha vacina máis forte contra todas as variantes,  intranasal, que pode estar lista en dous anos e vai ser a única que teñamos como reforzo.

Unha doenza inmune e cardiovascular

Sonia Villapol desenvolve un importante labor de secuenciación do virus SARs-CoV-2 mais das bacterias do intestino dos pacientes Covid. "Atopamos unhas bacterias que cambian, asociadas á severidade, principalmente en xente maior que pasou unha doenza grave". O seguinte paso é asociar ese descubrimento á Covid persistente e abrir portas cara a futuros tratamentos, atentos a todos os indicadores de inflamación ou problemas de inmunidade que marcan o curso da enfermidade, asociados a bacterias que se poden "restaurar".

"A Covid é unha doenza inmune e cardiovascular máis que respiratoria", afirma Villapol, para lembrar que 80% das persoas hospitalizadas polo coronavirus tiñan o sistema inmune baixo, "asociado a unha carencia de vitamina D". Por iso hai ensaios con vitaminas e Omega 3 para reducir a inflamación causada pola Covid-19 e reforzar a resposta do sistema inmune.