Ciencia e investigación

Sonia Villapol, neurocientífica: "Na Galiza a xente cre na ciencia e na medicina e demostrouno coa vacinación"

A neurocientífica galega Sonia Villapol, que desenvolve a súa actividade profesional en Houston.
Sonia Villapol, neurocientífica, vén de publicar o libro 'ConSciencia': a ciencia que nos rescatou da pandemia da man de Xerais.

Non hai moito que a Organización Mundial da Saúde (OMS) decretaba a fin da emerxencia internacional pola Covid-19, unha enfermidade que en pouco máis de tres anos provocou 6,9 millóns de mortes e 765 millóns de diagnoses. Menos tempo hai desde que o Consello de Ministras e Ministros do Estado español eliminaba a última restrición que ficaba pendente, a obrigatoriedade de portar máscara en espazos sociosanitarios como farmacias, centros de saúde ou residencias.

Xa coa perspectiva que dá ter superada unha crise desta magnitude, a doutora Sonia Villapol Salgado vén de publicar ConSciencia: a ciencia que nos rescatou da pandemia (Xerais, 2023), un libro no que analiza a súa experiencia na loita contra este coronavirus que chegou a finais de 2019 para cambiar o transcurso da historia da humanidade para sempre. Relatando o tortuoso e vertixinoso camiño que a investigación científica tivo que percorrer até chegar a ver a luz ao final do longo túnel que foi esta pandemia.

A obra de Villapol é resultado de anos de traballo na procura de solucións fronte ao virus, unha crise que a neurocientífica galega en Houston viviu en primeira liña como investigadora e xefa de laboratorio no Centro Médico de Texas, nos Estados Unidos de América (EUA), e como integrante do grupo internacional de investigación COV-IRT.

"Unha revolución na maneira de concibir a medicina, novos tratamentos que se poden aplicar agora a tratamentos para outras enfermidades e a Covid persistente", sinala a Nós Diario a doutora Villapol. "Estas son algunhas das herdanzas que nos quedaron da pandemia", engade.

"Infodemia"

Tamén un fortísimo impacto sobre a saúde mental e un incremento na difusión de noticias falsas que correrían como a pólvora polas redes sociais, un fenómeno que a propia doutora deu en chamar infodemia. "É moi difícil desmentir noticias falsas cando saen de institucións públicas. Nos EUA houbo moitas persoas 'antivacinas' e houbo xente que se contaxiou, ou morreu, ou tivo secuelas graves por non vacinarse de maneira consciente ou por non usar máscaras", di Villapol. "Pola contra, para min, as galegas e os galegos sacaron un sobresaínte en fe e credibilidade á ciencia. Aquí a xente cre na ciencia e na medicina e demostrouno no momento da vacinación", engade.

En ConSciencia a doutora tamén reflexiona sobre as cousas que "se fixeron mal" durante a crise sanitaria. "O feche de centros sanitarios e o parón na atención médica presencial, que en Texas foi de semanas e aquí durou anos", ou a insistencia na desinfección de superficies cando se sabía que o virus se transmitía a través do aire. "O gasto público en desinfección foi ridículo", afirma a doutora.

Para Villapol, o máis importante foron os "coñecementos que sacamos da Covid-19 e como os podemos aproveitar para tratar outras enfermidades", destacando a importancia do traballo en común fronte a competencia. "Foi un boom da investigación como non se vivira antes", explica, engadindo que a rápida resposta para combater a Covid-19 foi resultado do "investimento que se dedicou á ciencia nun momento de crise", un financiamento que no Estado español ficou "escaso".

Covid persistente, a tarefa pendente do sistema sanitario

"Para min, a herdanza principal da pandemia, é loitar contra todas as secuelas que nos deixou a Covid Persistente", sentencia Villapol. Un problema que a sociedade non recoñece como tal e que "xa está a ter consecuencias nos postos de traballo" de persoas que se contaxiaron hai xa anos. Este é o obxectivo actual da investigación da neurocientífica, que busca frear posíbeis problemas futuros a longo prazo.