Videcreación IES Politécnico de Vigo

Son feminista…

Hai palabras que asustan. Feminismo é unha delas. A súa soa mención crea unha atmosfera que esixe da adhesión incondicional ou do rexeitamento frontal do auditorio. Imposíbel a indiferenza.

 

A épica de loitas comprometidas, de revolucións silenciosas, de traballo colectivo é o pegamento da adhesión.  Unha especie de cadea de sororiedade que nos leva xunto Rosalía de Castro e Virginia Woolf porque queremos un cuarto propio, a camiñar á beira das sufraxistas para conseguir o noso lexítimo dereito a votar, a berrar  cun centenar de mulleres na fábrica de Sirtwood Cotton en 1908 queimadas vivas por poñernos en folga, a aplaudir entusiastas na Segunda Conferencia Internacional de Mulleres Traballadoras de 1910 proclamando o 8 de marzo como o Día internacional da muller traballadora,  a indignarnos  ao ver a cabeza de Olimpia de Gouges rodar polo patíbulo tras escribir a Declaración dos dereitos da Muller e a Cidadá na suposta revolución da liberdade e a fraternidade, a renxer os dentes no xusto momento no que Judith decapita a Holofernes grazas ao pincel de Artemisia ou a sentir os golpes das pedras que abateron a  Hipatia de Alexandría polo crime de… pensar.

O rexeitamento xorde máis ben da lóxica de quen desexa manter os privilexios. Xorde do medo a ver tambalearse unha orde establecida inxusta e discriminatoria. Unha orde que se beneficia do traballo gratuíto das mulleres, ese que se fai por amor e permite que as casas funcionen, que as crianzas crezan, as persoas maiores estean coidadas…ese que non se mide no PIB pero fai que o mundo xire todos os días.

Hai palabras que acompañan. Feminismo é unha delas. A súa natureza poliédrica permite construír mundos diferentes, menos dominadores para mulleres e homes. Novas formas de pensármonos, relacionármonos, desexármonos, vivírmonos …

Feminismo é unha palabra lente, permítenos ver, descubrir a discriminación nese momento sen importancia no que un home te chama polo diminutivo, nese chiste tan gracioso sobre mulleres e sexo, nesa mirada despectiva cando falas en público, nese 20% menos de salario polo mesmo traballo, neses corpos sen vida das mulleres asasinadas.

Feminismo é unha palabra ferramenta, permite crear, construír dereitos universais, o dereito ao voto, á coeducación, á libre decisión sobre o propio corpo, á libre orientación sexual, á igualdade salarial, á vida libre de violencia.

Este 8 de marzo no IES Politécnico de Vigo quixemos escoitar que é o feminismo para o alumnado. Descubrimos que detrás dunha xeración criada no espellismo da igualdade reside un berro claro pola liberdade. Agardamos que gocedes tanto da videocreación "Son feminista..." que circula pola rede, como o fixemos nós pensándoa e realizándoa. Un pequeno traballo, un pequeno paso nun andar colectivo.

De entre todas as deidades a deusa das pequenas cousas destaca por ser claramente feminista.

 

Carme Adán e Ana Ojea son profesoras do IES Politécnico de Vigo