35 exames para 900 prazas: estas son as datas das oposicións pendentes da Xunta

Máis de 40.000 persoas aspiran ás 900 prazas de diferentes categorías. (Foto: Europa Press)
Os exames decorrerán entre xuño e outubro.

Os primeiros exames de 35 oposicións que estaban pendentes para máis 900 prazas de emprego público da Xunta faranse entre a segunda semana de xuño e a primeira de outubro. A desagregación é a seguinte: 24 no mes de xuño, nove en xullo e dous reservados para persoas con discapacidade intelectual que se realizarán no mes de outubro. En total, hai máis de 40.000 aspirantes inscritos para estas oposicións.

Entre todos estes procesos selectivos destacan os administrativos como os do Corpo Superior (A1), con 75 prazas convocadas; o Corpo de Xestión (A2), con 90 prazas; o Corpo Administrativo (C1), con 102 prazas; o Corpo Auxiliar (C2), con 120; así como a Agrupación profesional de Persoal Subalterno, con 119 prazas de emprego público convocadas.

Calendario

Segundo o calendario publicado esta sexta feira na web de Función Pública, na segunda semana do mes de xuño de 2023 realizarase o primeiro exame para Química (A1) e Química (estabilización), Arquitectos (A1) e Arquitectos (estabilización), Enxeñaría industrial (A1), Enxeñaría industrial (estabilización) e Arqueólogos (A1).

Xa na terceira semana de xuño será a quenda de Enxeñaría de Minas (A1), Arquivos (A1), Bibliotecas (A1), Bibliotecas (promoción interna), e Museos (A1). No que atinxe ao grupo A2, realizarase o primeiro exame na terceira semana de xuño para Arquitectos técnicosArquitectos técnicos (estabilización)Escala de xestión de sistemas da información (estabilización), Enxeñaría técnica industrial, Enxeñaría técnica industrial (estabilización), Enxeñaría técnica de obras públicasEnxeñaría técnica de Minas, Bibliotecas, e, finalmente, Museos e Arquivos.

Namentres, o exame para Axentes de inspección C1 (vixilancia de estradas) e Axentes de inspección C1 (dominio público hidráulico) será na cuarta semana de xuño. Na primeira semana do mes de xullo, celebrarase o primeiro exame para Corpo Superior (A1), Corpo de Xestión (A2), Corpo Administrativo (C1) e Corpo Auxiliar (C2).

Xa na segunda semana de xullo será a proba de Finanzas (A2), Escala técnica auxiliar de informática (estabilización), Auxiliar de clínica (C2), Auxiliar coidador (C2) e Agrupación profesional de persoal subalterno.

Finalmente, na primeira semana do mes de outubro serán os exames da agrupación profesional de persoal subalterno reservada para persoas con discapacidade intelectual e para o Corpo Auxiliar (C2), tamén para persoas con discapacidade intelectual.

Outras probas

Estes 35 procesos son todos os que estaban pendentes de comezar a fase de exames e forman parte dos procesos selectivos en cuxa execución está a traballar na actualidade a Consellaría de Facenda. Dos procesos restantes, 25 deles finalizarán no primeiro cuadrimestre deste ano pois ou ben están na fase de concurso, ou ben xa máis avanzados, na fase de elección de destino; e outros 14 están en plena fase de oposición.

Por outra parte, tamén neste ano iniciarase o desenvolvemento dos procesos selectivos extraordinarios de estabilización. O número de prazas supera as 5.600 distribuídas en 211 procesos selectivos.