'Son Agrogay', un festival para visibilizar a diversidade afectivo-sexual no rural

[Imaxe Son Agrogay]

O encontro, que vai pola segunda edición, terá lugar o 29 de agosto en Cumbraos, Monterroso.

 

A aldea de Cumbraos, en Monterroso (Lugo), acollerá o 29 de agosto a II edición de Son Agrogay. Un festival que visa visibilizar "un rural diverso, afectivo e sexualmente" ao tempo que "defender e dar valor a outros principios como a sostibilidade, o respecto ao patrimonio material e inmaterial e o ecoloxismo", explican desde o Colectivo Agrogay da Ulloa, que organiza o evento. 

En síntese, defender "a diversidade social" e "natural" no espazo rural. Unha completa xornada de música, debate, fotografía e festa que terá como epicentro a Granxa Maruxa, coñecida polas súas bolachas de tona elaboradas a partir do leite de produción ecolóxica da súa explotación. 

O programa de actividades do Son Agrogay comezará por volta das 11h coa recepción na Granxa da Maruxa e unha Feira de Artesanía que contará cunha zona de cruising de sementes. 

Artesanía, fotografía, obradoiros e música para reivindicar a diversidade rural

Ás 12h terá lugar unha asemblea-obradoiro para a construción colectiva dunha axenda LGTBIQ para o rural, guiada polo activista Ángel Amaro. De maneira simultánea o grupo Zoelas desenvolverá unha pandeirada nos arredores da Feira de Artesanía. Após o xantar (14h) comezarán as actuacións con Zoelas, Os 7 Magníficos máis un, De Vacas e Davide Salvado. 

A partir das 20h a festa continuará pola vila de Monterroso para rematar na Área Natural da Peneda a partir das 00.00h. 

O Son Agrogay contará durante toda a xornada cunha exposición fotográfica de Rubén Vilanova, comisariada por Vítor Nieves, composta de imaxes que achegan unha orixinal visión dos músicos e instrumentos galegos. 

Debido ás características da Granza Maruxa, un espazo natural privilexiado marcado por unha carballeira senlleira, a organización estabeleceu un aforo limitado polo que fixan unha entrada de 5€ a reservar através da conta de correo electrónico agrogaysdaulloa@gmail.com.