Son 34 os concellos en alerta vermella este domingo. Consulta cales

Mapa 'semáforo' da Xunta.
Entran no nivel vermello A Laracha, Salvaterra de Miño e Sarria. Saen Vilagarcía de Arousa e Nigrán.

Este domingo, son un total de 34 concellos os que permanecen en alerta máxima segundo o mapa 'semáforo' da Xunta, un máis que o día de onte.

Entran no nivel vermello A Laracha, Salvaterra de Miño e Sarria, mentres pasan a laranxa desde a alerta máis elevada Vilagarcía de Arousa e Nigrán.

Neste momento, igual que o sábado, só catro das sete cidades galegas se atopan no grao máximo de alerta: Ferrol, Vigo, Lugo e Pontevedra.

En vermello

Atópanse en máxima alerta os seguintes concellos: A Estrada, Lalín, Cambados, Pontevedra, Poio, Sanxenxo, Marín, Redondela, Vigo, Mos, Moaña, Ponteareas, Salvaterra, Tomiño, O Porriño, Ferrol, Narón, A Laracha, Arteixo, Culleredo, Cambre, Oleiros, Coristanco, Carballo, Malpica, Ribeira, Ponteceso, Cabana, Vimianzo, Lugo, Chantada, Sarria, Vilalba e Xinzo de Limia.

Isto implica que nestas localidades se detectaron máis de 21 casos de coronavirus nos últimos sete días. O parámetro é distinto nas cidades de máis de 50.000 habitantes, onde se estabelece en función do tamaño o aviso: Ferrol (máis de 76 casos nunha semana), Pontevedra (máis de 96), Lugo (máis de 112) e Vigo (máis de 332).

En laranxa

No segundo chanzo de alerta permanecen este domingo 23 localidades: Vilagarcía de Arousa, Ribadumia, Nigrán, Meis, A Guarda, Tui, Cangas, Caldas de Reis, O Grove, Soutomaior, Ordes, Pontedeume, A Coruña, Laxe, Santiago, Ames, Porto do Son, Boiro, Viveiro, Guntín, Monforte, Ourense e Ribadavia.