"Somos unha nación": Vía Galega convoca unha marcha nacional o 24 de abril en Compostela

Acto de Vía Galega en Carral, en abril de 2021 (Foto: Nós Diario).
A manifestación conmemorará o 176 aniversario da Revolución Galega de 1846.

A plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, Vía Galega, vén de convocar unha manifestación nacional que percorrera as rúas de Compostela o domingo 24 de abril a partir das 11.30 horas.

A escolla da data non é casual. o Colectivo fai coincidir a marcha co 176 aniversario "daquel 'abril de lume e ferro', en palabras de Manuel María, en que tivo lugar un dos episodios máis importantes da historia da Galiza: a Revolución Galega de 1846 que rematou, infelizmente, o 26 de abril cos fusilamentos en Carral dos 'mártires da liberdade'".

Decidir por nós mesmos é imprescindíbel para termos un desenvolvemento autocentrado, cun tecido industrial e económico ao servizo da Galiza

Vía Galega, plataforma á que están adheridas 61 entidades do ámbito cultural, educativo, deportivo, social e veciñal, reivindica a loita daquel movemento que deu pé ao inicio da historia do nacionalismo "que fundamenta a súa existencia na defensa permanente dos dereitos da nación galega e na procura da súa liberación nacional".

'Somos unha nación'

A manifestación decorrerá baixo o lema "Somos unha nación". "O noso dereito e vontade a ser libres, a decidir o noso futuro e a romper coa nosa dependencia colonial e opresión nacional faise máis necesario que nunca para rematar co espolio dos nosos recursos, da nosa electricidade e do aforro e co desmantelamento industrial", xustificou o colectivo na presentación da convoctoria.

"Decidir por nós mesmos é imprescindíbel para termos un desenvolvemento autocentrado, cun tecido industrial e económico ao servizo da Galiza, para crear emprego de calidade, para acadar maior igualdade e benestar social, para normalizar a lingua e a cultura e para dotármonos duns servizos públicos universais, eficientes e de calidade".