Solsticio de inverno, ‘a festa do sol sen luces artificiais!’

Unha actividade na Eira da Xoana

Esta festa fai dez anos na Eira da Xoana, que volve conmemorar con música e lumeiras esta data. Será o sábado 21.

A Eira da Xoana, en Ramil (Agolada), celebrará este sábado, 21 de decembro, a festa do solsticio de inverno, unha cita coa que levan cumprindo dez anos.

“Festexamos o ano que nace, os días que empezan a medrar, o frío que ven reparador e preciso; celebramos o poder estar e gozar da compaña da xente boa que se achega ata a plena natureza e teremos un recordo para os nosos defuntiños, que sempre deben estar presentes”, indican desde a Eira. E engaden: “Facemos todo o contrario da moda, da moda da luciría cegadora, da música estranxeira, dos costumes importados, da comida sofisticada, do tabú  do pasamento e do consumo desbordante”.

Unha festa “natural, ecolóxica e galega”, como elas propias a definen. Comezará ás 17:00 horas e haberá poesía, música, despedirase o sol desde o castelo de Pambre, queimarase o toro e non faltará a visita do Apalpador.