A solidariedade con Papúa Occidental toma corpo en Ferrol

A proxección do recoñecido documentario 'Punks for West Papua' e un concerto no que actuará, entre outros, Chris Masuak (Radio Birdman) conforman a iniciativa, impulsada pola Fundaçom Artabria.

Chámanlle o 'xenocidio secreto'. Na década dos 60 este territorio pasou de mans holandesas a Indonesia comezando unha brutal ocupación na que ducias de milleiros de papúes foron asasinados e a tortura e as violacións, tal e como denuncian as ONGs, están á orde do día. Indonesia prohibe a entrada de xornalistas e axuda externa a este territorio, habitando por uns catro millóns de papúes condeados á pobreza embora vivir na mina de ouro máis grande do mundo. Iakarta impulsa a emigración de colonos e esmaga a cultura e identidade propia deste pobo, nun proceso silenciado e que decorre ás portas de Australia e con coñecemento das grandes potencias. Dase así a singularidade de que metade da illa é independente (Papúa Nova Guinea), mentres que a outra (Papúa Occidental) está sometida a unha sanguenta ocupación.

Para dar a coñecer a realidade do que acontece en Papúa Occidental, a Fundaçom Artabria organiza esta sexta e sabado a proxección dun documentario e un concerto. Ambos os dous serán de entrada á vontade e haberá petos para colaborar economicamente con esta iniciativa.

'Punks for West Papua' é un documentario premiado, que se emitirá lexendado ao portugués, e no que se narra como as Nacións Unidas traizoaron Papúa e como un músico australiano, Jody Bartola, impulsou campaña de concienciación e apoio á loita deste pobo pola súa liberación.A sexta feira, ás 21:00, terá lugar a proxección, na sede da Fundaçom.

Xa o sábado será a quenda da música, cun concerto a partir das 22:00 horas nas que actuarán os conxuntos Bang 74 (power pop enérxico) e Klute (que se moven entre o power pop e o punk-rock). Canda eles, Chris 'Klondike' Masuak e o seu grupo The Viveiro Wiveriders. Masuak integrou os Radio Birdman, grupo lendario e icónico do rock australiano e mundial. Un conxunto de vitalidade e electrizante que a base de protopunk, garaxe e rock dinamitaron a escena na década dos 80.