Laura Bugalho non entrará en prisión após un acordo coa Fiscalía

Centos de persoas concentráronse en Fontiñas, Compostela, para amosar o seu apoio e solidariedade á activista co gallo do xuízo. Após un acordo coa Fiscalía a activista non entrará en prisión. VÍDEO NO INTERIOR. 

Após un acordo coa Fiscalía a activista non entrará en prisión. Foi condenada a 11 meses de privación de liberdade --que non terá que cumprir-- e unha sanción económica de 750 euros. "É o mellor", sinalou en conversa con Sermos Galiza. "É respirar" após sete anos de proceso xudicial. "Van demasiados anos", asegura. 

A activista LGTBi e sindicalista da CIG estaba acusada dun presunto delito de falsificación documental e tráfico de persoas. En declaracións aos medios de comunicación e visibelmente emocionada polas mostras de apoio recibidas ao longo destes días alén mesmo da Galiza, Bugalho amosouse convencida de que a causa será "arquivada ou sobreseída". 

"Eles saben que fixeron moitas cousas más, que fixeron estafas e que eu sei moitas cousas de clubes de alterne que teñen que tapar"

"Eles saben que fixeron moitas cousas más, que fixeron estafas e que eu sei moitas cousas de clubes de alterne que teñen que tapar", sinalaba á entrada dos xulgados en declaracións á imprensa Laura Bugalho. "Por iso queren que estexa dentro, para que cale, que me silencien, mais aí están os ecos", acrecentou. 

"Acho que non vai acontecer nada", sinalou, "mais que me deixen en paz". A activista LGTBi asegurou ter recibido unha "ameaza" por parte "dun número da policía" quen lle tería dito que "se non entras desta, entras para a seguinte". Aliás, sinalou, recibiu "cinco chamadas" nas que lle pedían "droga e mulleres". "[Non fago] nen unha cousa nen a outra, iso si que o fai quen me denunciou". 

Laura Bugalho denunciou en delcaracións aos medios ter recibido ameazas por parte da policía antes do xuízo

'Operación Peregrino'

O caso contra Laura Bugalho remóntase ao ano 2009 cando a traballadora da Área de Migracións da Confederación Intersindical Galega (CIG) destapou unha mafia de tráfico de persoas que operaba en Compostela na coñecida como 'Operación Peregrino' na que un empregado do centro de información para traballadoras e traballadores inmigrantes de CC.OO. en Compostela, Messaoud El-Omari, foi detido e acusado de "asociación ilícita", "introdución ilegal de man de obra estranxeira" e "fraude". Canda el prenderon a Hadaoui Kayrou --en paradoiro descoñecido-- e os propietarios de catro empresas en Compostela e na Barbanza, vinculadas tres ao sector do metal --Miguel Ángel e Ramón Hermo Sánchez, e Ángel Baqueiro Meijide-- e unha ao agro --na granxa de Ángel García Espido a policía española atopou os traballadores durmindo na corte, como recolleu a imprensa na altura e tamén Sermos Galiza

Durante estes sete anos a causa foi arquivada pola xuíza instrutora, Ana López-Suevos, e posteriormente reaberta por mor do recurso presentado pola Fiscalía. Para ela pide o Ministerio Público entre 3 e 6 anos de cadea por ter falsificado documentos. A policía, en troca, eleva a 8 a petición por un presunto delito de tráfico de seres humanos ao acusar a Bugalho de liderar unha "mafia" através da que conseguir permisos de residencia para migrantes. 

Representantes de organizacións sindicais, movementos sociais, LGTBi e feminista concentráronse ás portas dos Xulgados de Fontiñas ao berro de 'Laura Bugalho absolución'

Solidariedade contra unha "montaxe"

Na concentración estiveron presentes representantes das centrais sindicais CIG e CUT xunto con numerosos cargos públicos como o concelleiro do BNG de Compostela, Rubén Cela, a vice-presidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín e o deputado de AGE no Parlamento galego, Xabier Ron. Aliás, facianas coñecidas dos movementos sociais do país que tamén foron xulgados con anterioridade como Nicanor Acosta (Foro Galego de Inmigración e Stop-Despexos Coruña), Roberto Rivas, o bombeiro que rexeitou participar no desafiuzamento de Aurelia Rey. 

O movemento feminista e LGTBi tamén quixo apoiar a activista, ás portas dos Xulgados, alí estaban Cristina Palacios, presidenta de Arelas, Asociación de familias de crianzas trans e representantes do colectivo Conas Ceives e a Marcha Mundial das Mulleres na Galiza. 

Ao berro de 'Ningunha persoa é ilegal', 'Laura Bugalho absolución' ou 'Se tocan a Laura tócannos a todas' reclamaron o cesamento da "represión" contra a activista e denunciaron a "montaxe", en verbas do secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que supón o seu xuízo.