Solidariedade no Hórreo coas vítimas do 'Vila de Pitanxo'

Familiares das vítimas do naufraxio acudiron esta terza feira ao Parlamento (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
Familiares dos desaparecidos piden esforzos para retomar o operativo de busca.

Familiares dos desaparecidos após o naufraxio do 'Vila de Pitanxo' acudiron esta terza feira ao Parlamento da Galiza para evidenciar que continúan coa súa loita para que se faga "o posíbel e o imposíbel" para recuperar os mariñeiros desaparecidos.

No Parlamento, logo da lectura dunha declaración institucional en solidariedade coas vítimas do naufraxio, Kevin González, fillo dun dos desaparecidos, recibiu o pésame e o apoio dos grupos políticos.

Despois, ante os medios, González contou que na segunda feira, nunha reunión co presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, e o da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, trasladaron as súas reclamacións de forma "precisa": a continuación dos labores de procura e a investigación das causas do suceso.

Sánchez e Feixoo, pola súa parte, indicáronlles que "é un labor complicado", tanto "polas condicións da meteoroloxía" como pola distancia, así como porque non se dispoñen de todos os medios para "esclarecer o sucedido" e "recuperar os corpos".

Os familiares reclamaron que "se poidan habilitar os medios que ten o Estado ou outros que non ten para a procura de corpos en superficie" e para "ir buscar os corpos ou investigar nas profundidades do mar". En relación á causa do accidente, González explicou que o que a armadora lles trasladou ás familias na reunión da segunda feira "non foi a información que se deu" aos medios de comunicación.

"O comunicado de prensa di que se puxeron en contacto co patrón e que el aludiu a un fallo mecánico do motor e por iso mesmo non puideron responder ao embate do mar. Pero en ningún momento a armadora, en contacto connosco, dixo iso", cuestionou González, mentres explicaba que as familias non entendían o que ao seu xuízo foi un cambio de versión en menos de unha hora.

Reunión co director da Mariña Mercante

As e os familiares reuniranse esta quinta feira co director xeral da Mariña Mercante, Benito Núñez, segundo informou o delegado do Goberno estatal na Galiza, José Miñones. Así, o Executivo responde a unha das peticións dos familiares, que solicitaron ao presidente, Pedro Sánchez, un encontro co director da Mariña Mercante, por ser o responsábel da coordinación de salvamento marítimo.

Após unha reunión de máis de hora e media, Miñones declarou ante a prensa que Núñez viaxará ao país para reunirse coa familia, malia que aínda non se sabe nin onde nin cando se producirá o devandito encontro.

Sobre os labores de busca, o delegado expresou o compromiso "firme" do Executivo de "seguir buscando", polo que se estudan as "alternativas posíbeis", quer con medios canadenses, "que están alí e coñecen ben o terreo", polo que serían os máis "idóneos", quer tamén con medios propios.