Solidariedade galega cos presos palestinos, que entran no segundo mes en greve de fame

Prisioneiros palestinos nu cárcereisraelí. Imaxe-Alalam

Unha carpa e unha concentración na zona vella de Compostela esta sexta feira queren expresar o apoio aos máis de mil prisioneiros en loita nos cárceres de Israel.

A pasada cuarta feira, 17 de maio, Día das Letras Galegas, os presos palestinos nos cárceres de Israel facían un mes en greve de fame, un protesto impulsado por Marwan Barghuti para denunciar as condicións nas que vive este colectivo e pedir unha serie de melloras. Por volta de 1.300 presos están no seu segundo mes en greve de fame fronte un estado de Israel que xa anunciou que non pensa negociar nin aceptar ningunha condicións dos presos. Médicos internacionais que puideron visitar os prisioneiros embora as restricións e censuras israelís advirten do delicado estado de saúde das persoas en greve de fame.

En apoio e solidariedade para con esta loita, a Praza do Toural (Compostela) acolle esta sexta feira unha carpa instalada pola asociación galaico-árabe Jenin. Estará neste corazón da zona vella entre as 18:00 a 20:00. Ás 20:30 hai convocada unha concentración.

As demandas básicas dos presos palestinos resúmense en catro puntos: a fin do isolamento e detención administrativa sen cargos nin xuízos; a mellora da atención sanitaria; restablecemento de visitas familiares regulares, e permiso de entrada de libros e xornais.

Segundo a organización Addamir, hai uns 6.300 presos palestinos, entre os que están 500 en situación de detención ‘administrativa’, 300 menores de idade, 13 parlamentarios e 28 xornalistas. Por volta de 1.000 desas persoas presas teñen prohibidor ecibir visitas por “motivos de seguridade” e perto de 20 permanecen en isolamento absoluto. Desde 1968 máis de 800.000 palestinos foron detidos polas forzas israelís.