CADERNO DE VERÁN

Solidariedade desde a cociña: o famoso chef José Andrés promove a gastronomía galega

José Andrés

O cociñeiro José Andrés, a quen se lle acaba de conceder o día 1 de xullo o Premio Princesa de Asturias á Concordia a causa do seu importante labor humanitario, está realizar por terceira vez o camiño de Santiago. Ten previsto chegar á cidade de Compostela esta mesma fin de semana. A boa noticia sorprendeu  o chef á súa chegada a Galiza.

José Ramón Andrés Puerta, máis coñecido como José Andrés, é un cociñeiro asturiano que reside desde hai anos nos Estados Unidos. Desde unha idade moi temperá, xa se interesaba pola cociña e con apenas quince anos conseguiu entrar na Escola de Restauración e Hostelaría de Barcelona, compaxinando os seus estudos coa aprendizaxe das técnicas de vangarda no recoñecido restaurante El Bulli, dirixido por Ferran Adrià.

Con 21 anos, unha vez rematados os seus estudos, decidiu continuar a súa carreira profesional nos Estados Unidos, traballando en cidades como Nova York ou Washington, onde vive na actualidade. José Andrés deu a coñecer na cociña norteamericana os pratos  máis típicos do Estado español e puxo en valor a cultura da tapa, que introduciu por primeira vez no seu restaurante Jaleo. Andrés tamén incorporou ás cartas dos seus restaurantes pratos inspirados na cociña latinoamericana, especialmente a mexicana.

Un cociñeiro polivalente

Ademais de cociñeiro, José Andrés representou un papel importante na innovación culinaria e é tamén educador, filántropo, dono de ThinkFoodGroup e dono dun total de 31 restaurantes dispersos por todos os Estados Unidos. Conta con dúas estrelas Michelín que conseguiu grazas á súa aposta máis arriscada, o restaurante Mini Bar. Con todo, se por algo é recoñecido Andrés é polo seu labor humanitario. Firme defensor das persoas inmigrantes, o chef creou no ano 2010 a ONG World Central Kitchen co obxectivo de loitar contra a fame e a pobreza empregando a comida como ferramenta para “reanimar comunidades e fortalecer economías”, segundo indica el mesmo na súa páxina persoal. Participou, xunto co seu equipo, en numerosas emerxencias socioeconómicas e axudou en desgrazas medioambientais como o furacán María, en Porto Rico, onde serviu de maneira gratuíta máis de 3,6 millóns de comidas. Por todo isto, José Andrés recibiu ao longo da súa vida numerosos recoñecementos, entre os que destaca, ademais do recentemente outorgado Princesa de Asturias, a medalla Nacional de Humanidade dos Estados Unidos. Nos anos 2012 e 2018, o cociñeiro foi incluído na lista das 100 persoas máis influentes da revista Time.

No que respecta á faceta televisiva de José Andrés, no ano 2007 o chef lanzou unha serie culinaria de 26 capítulos titulada Made in Spain, na que el mesmo, presentador e condutor do programa, exploraba as riquezas culinarias e culturais do Estado español. O obxectivo era achegar á poboación estadounidense a cociña da súa terra, aínda que acabou converténdose nun show de repercusións internacionais. A raíz desa serie, o pasado mes de xuño, 14 anos despois da súa estrea, o cociñeiro anunciou que volvía ao Estado español cun novo proxecto que leva por nome Tour de España, no que compartirá consellos de viaxe e os seus lugares favoritos para visitar, tanto pola paisaxe como pola gastronomía. Esta nova iniciativa, que coincide coa celebración do Xacobeo 2021, fixo que José Andrés decidise poñer rumbo cara á cidade de Compostela e realizar, por terceira vez, o camiño de Santiago, pola ruta do Camiño Francés.

Ao lado dos que escollen percorrer o Camiño por motivos espirituais ou relixiosos, para mellorar a forma física ou simplemente para admirar a súa beleza paisaxística, José Andrés decidiu realizar o que se podería denominar “Camiño gastronómico”, deténdose a desfrutar de cada bocado típico dos lugares polos que se pasa. Moitas veces, a mellor forma de coñecer un sitio novo é, con certeza, probar a súa comida. A gastronomía é un sinal de identidade da cultura de calquera recuncho, por moi pequeno que semelle, polo que resulta de gran importancia ter unha mentalidade aberta para probar pratos diferentes e descoñecidos. Como o propio cociñeiro indica, “a alimentación é a máxima expresión do que somos”.

Unha grata sorpresa

José Andrés comezou esta aventura da man do mes de xullo, co fin de, tal como asegurou nunha entrevista para unha cadea de televisión, axudar a reavivar a economía e o turismo. A gran casualidade foi que, nada máis chegar ao país, recibiu a noticia de que lle acababan de conceder o Premio Princesa de Asturias á Concordia, o pasado 1 de xullo, nada máis baixar do avión, pouco tempo antes de comezar o Camiño. O premio, que se concede ao labor de defensa e xeneralización dos dereitos humanos, do fomento e protección da paz, da liberdade, da solidariedade, do patrimonio mundial e, en xeral, do progreso da humanidade, foi unha gran sorpresa para o chef, quen recoñeceu estar máis ilusionado pola organización que representa que por el mesmo. Andrés, facendo gala da súa filantropía e da súa vocación humanitaria, asegurou nunha entrevista para a RTVE que “os muros máis altos non arranxan nada, o que hai que construír son mesas máis longas”, facendo referencia á crise social que se está a vivir nos USA. 

Desde o seu inicio do Camiño, o chef estase a mostrar moi activo nas redes sociais, nas cales vai ofrecendo información sobre os lugares que visita e os produtos ou pratos que vai probando, dando recomendacións e facendo referencias aos locais que visita. Desde a primeira semana de xullo xa posteu fotos dos produtos máis típicos do Estado español, como o chourizo, e referiuse a diversos restaurantes de León, do Bierzo e da Galiza. Despois do Cebreiro, o seu lugar favorito do Camiño, desfrutou en Sarria dun impresionante bocata en Casa Morgade, e en Caldas dunha empanada da panadaría Caldas, perfecta para repoñer forzas e continuar até Castromaior. Tamén puidemos ver a José Andrés, que non esquece en ningún momento a súa orixe asturiana, escanciando sidra e louvando tanto a súa terra como a galega.

O cociñeiro prevé chegar á cidade de Compostela entre o 17 e o 19 deste mes, logo dun percorrido de dúas semanas nos que non deixa de lanzar reflexións sobre a fame no mundo, provocada tanto por traxedias medioambientais como por conflitos bélicos e crises sociais, e tenta avivar as conciencias poñendo de manifesto o paradoxo de que “hai fame nun planeta que produce máis alimentos dos que pode comer.”