Solicitan unha prórroga de 30 anos para unha explotación de lousa no Courel defendendo que ten "unha escasa densidade de poboación"

lousa (Foto: Nós Diario)
A canteira denominada 'La Ilusión' afecta os concellos de Folgoso do Courel e Quiroga.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publica esta segunda feira o acordo polo que se somete a información pública o proxecto de explotación dunha empresa que se dedica desde hai décadas á extracción de lousa en Quiroga, na comarca homónima. Xunto á solicitude de prórroga, por 30 anos, tamén se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e o plan de restauración. A explotación realízase a ceo aberto, mediante desmonte con maquinaria, perforación e voadura.

Durante o prazo de 30 días hábiles, contados a partir desta terza feira, atópanse dispoñíbeis ao público estes documentos no Servizo de Enerxía e Minas da Consellaría de Economía, Industria e Innovación e no portal web do devandito departamento. As alegacións presentaranse no prazo sinalado dirixidas á xefatura territorial en calquera das oficinas previstas polo procedemento.

O proxecto é o denominado 'La Ilusión', explotado pola compañía Porredo S.L. nun terreo situado no termo municipal de Quiroga. O novo proxecto planifícase para un período de 30 anos. Na documentación, a compañía incide en que O Courel, "debido aos seus condicionantes morfolóxicos, é unha área cunha baixísima densidade de poboación que se distribúe en pequenos núcleos, algúns dos cales despoboados ou en proceso de despoboamento".

Nesta área, indica, o pobo máis próximo é Pacios da Serra, situado a uns 1.300 metros "e cun censo de poboación da orde de 20 habitantes". "A área da contorna máis concreta pódese considerar mineira pola existencia doutra explotación ao oeste de 'La Ilusión'", sinala a propia empresa na documentación que se somete a información pública.

Porredo S.L. está domiciliada no Barco de Valdeorras e vén realizando estes labores "durante décadas". Os terreos sitúanse nos contrafortes da Serra do Courel e están recubertos "fundamentalmente por monte baixo nas cotas máis altas que son substituídos a medida que se descende altitudinalmente por zonas boscosas caracterizadas por unha importante variedade de especies, segundo as orientacións e a dispoñibilidade de auga —aciñeiras e carballos, pero tamén bidueiros, abeleiras, etc.— e que se completan con mosaicos de montes de castiñeiro e repoboacións de piñeiros".

A totalidade dos terreos afectados polas accións do proxecto pertencen a Quiroga, malia que, segundo precisa, hai cuadrículas que "se sitúan lateralmente no termo de Folgoso do Courel". Entre outras cuestións, a firma proxecta un plan de restauración "que inclúe os labores de remodelado, a achega de terra vexetal e a revexetación".

Os labores extractivos esténdense pola ladeira sueste da Serra do Courel e ocupan case 115 hectáreas, das que "a maior parte corresponden a vertedoiros" situados ao norte e sur (72 hectáreas) dun oco de explotación que "seguindo a dirección do filón explotado [...] ascende pola ladeira até chegar case á liña divisoria de concas [...]". Na parte inferior do mesmo existe un "profundo oco cun desnivel da orde dos 150 metros", detalla na descrición.