Solicitan a paralización das verteduras da mina de Touro pola apertura de dilixencias por parte da xustiza

Contaminación provocada pola mina de Touro no tramo medio do río Portapego (Foto: Nós Diario).
Ante a petición que a empresa Explotaciones Gallegas realiza a Augas da Galiza para que lle autoricen verteduras das augas da balsa de lodos mineiros  ao río Pucheiras, Ecoloxistas en Acción solicitou a Augas da Galiza que se paralice o trámite do expediente de autorización mentres non conclúa o procedemento penal no que instrúe a causa por delito ambiental.

Ecoloxistas en Acción levou ante a xustiza as “continuas verteduras” procedentes da mina de Touro que verten no río Pucheiras o que ocasionou que se abriran dilixencias no Xulgado número 1 de Arzúa contra a propietaria dos terreos da mina por delito contra o medioambiente e os recursos naturais.

Agora, ante a petición que a empresa Explotaciones Gallegas realiza a Augas da Galiza para que lle autoricen verteduras das augas da balsa de lodos mineiros ao río Pucheiras, Ecoloxistas en Acción solicitou a Augas da Galiza que se paralice o trámite do expediente de autorización mentres non conclúa o procedemento penal no que instrúe a causa por delito ambiental.

A organización ecoloxista alerta que a autorización destes vertidos sería “legalizar unha vertedura de perto de 1.400 millóns de litros de drenaxes ácidas de mina supostamente tratadas (case 1.440.000.000 litros/ano de media) ao rego Pucheiras, no sistema fluvial do Ulla-Deza”, salientan desde Ecoloxistas en Acción. Lembran que o rio Pucheiras é tributario do río Brandelos, o cal desemboca no río Ulla onde xa forma parte da Rede Natura 2000, apenas catro quilómetros augas abaixo.

Detrás desta petición, alerta a organización ambientalista, o que se esconde é a “escusa para poder presentar un novo proxecto mineiro, que conte coa autorización de Augas da Galiza para verter augas dunha depuradora dos seus usos industriais, un proxecto que debería tramitarse no marco dun plan de restauración integral da zona”.

A xustiza

Ao mesmo tempo, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza vén de resolver a favor de Ecoloxistas en Acción ante a pretensión da empresa mineira Cobre San Rafael de negarlle o acceso ao expediente completo do proxecto de drenaxe á organización ecoloxista.

O proceso iniciado en 2020 tivo agora resolución desestimando o recurso contencioso-administrativo contra o acceso a documentación do expediente interposto pola mercantil Cobre San Rafael que é condenada a pagar os custos, por segunda vez neste ano, polo intento de impedir o acceso á información solicitada por Ecoloxistas en Acción.