Solicitan multas contra o Estado pola mina de San Finx

Areeiro da mina de San Finx (Lousame) nunha imaxe de arquivo. (Foto: Ostiudo)
Instan a Comisión Europea a iniciar o procedimento de infracción contra o Estado español pola permisividade coas verteduras de augas contaminadas con metais pesados da mina de San Finx, propiedade de Sacyr.

Nove deputadas e deputados do grupo dos Verdes/Alianza Libre Europea no Parlamento Europeo, fixeron unha solicitude á Comisión Europea para que inicie un procedemento de infracción contra o Estado español polas verteduras con metais pesados procedentes da mina de San Finx, en Lousame, comunicou este 3 de agosto Ecoloxistas en Acción.

A mina, propiedade do Grupo Sacyr, foi denunciada en repetidas ocasións desde 2016, cando a Xunta da Galiza comezou a tramitar a autorización de verteduras, con varios procesos xudiciais e administrativos no medio para evitar que se retome a actividade mineira.

Un estudo elaborado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) cando saltou á luz pública a nova, desvelou que as concentracións de metais pesados augas abaixo da vertedura multiplica por 28 os máximos estabelecidos nas normas de calidade ambiental no caso do cadmio, considerado unha sustancia extremadamente perigosa para a saúde.

No caso das concentracións doutros metais, a presenza de zinc superaba oito veces os límites, mentres que a de cobre multiplicaba por sete o limiar marcado.
Apunta Ecoloxistas en Acción que a pesar dos informes das funcionarias e funcionarios da Dirección Xeral de Enerxía e Minas -pertencente á Vicepresidencia segunda e Consellaría de Economía, Empresa e Innovación- nos que chamaban a suspender as actividades na mina até que un novo proxecto superara o trámite de avaliación ambiental, o 26 de xullo o Executivo confirmaba que vai acelerar o proceso para que a antiga mina de estaño e volframio volva cando antes á actividade.

Tres altos cargos e funcionarios, entre eles Ángel Tahoces, antigo director xeral de Minas, están imputados por facer pasar no trámite administrativo presas de residuos mineiros por presas con fins hidroeléctricos.

A entidade ecoloxista destaca que a “Xunta da Galiza era coñecedora destes feitos, mais non actuou, permitindo que a situación continuara até  a actualidade”, e sinala que a Oficina Europea contra a Fraude, un organismo da Unión Europea (UE), está a investigar se as axudas da UE outorgadas a Valoriza Minería, a empresa concesionaria, poderían ter implicacións legais para os funcionarios que as aprobaron.