É a máis afectada pola COVID-19

Solicitan intervir a residencia Nosa Señora da Esperanza antes de se produza “un masacre”

Traslado de usuarias dunha residencia a un hotel en Teo (Imaxe: Arxina).

A Federación Galega REDE, composta por asociacións de usuarias e familiares de usuarias de residencias e da dependencia, e a Asociación de Familiares de Usuarias das residencias de San Rosendo, reclaman a inmediata “intervención” da residencia Nosa Señora da Esperanza, localizada en Ourense, que padece unha situación que cualifican de “demoledora”.

De demoledora. Así cualifica a federación galega Rede, de asociacións de usuarias e familiares de usuarias de residencias e da dependencia, e mais a Asociación de Familiares de Usuarias das residencias de San Rosendo, a situación que sofre a residencia Nosa Señora da Esperanza. Un centro residencial xestionado pola Fundación San Rosendo, propiedade, lembran as entidades, da Igrexa católica.

Os problemas que teñen lugar no citado centro de maiores provocan “desazón” nas familias das 157 persoas que viven nas instalacións. Segundo o reconto da pasada sexta feira, 6 de abril, 105 das 157 usuarias, é dicir, o 67%, padecen COVID-19. Unha cifra á que hai que sumar 35 traballadoras tamén positivo por coronavirus.

O centro, situado na Farixa, en Ourense, atópase á cabeza en volume de contaxios, por diante de residencias como DomusVi San Lázaro, en Compostela, e DomusVi Aldán, en Cangas. Sumando residentes e traballadoras, na Nosa Señora da Esperanza hai 140 persoas con coronavirus; 119 en San Lázaro e 113 en Aldán. “Desde hai tres días non se sabe cantos falecidos acumula a residencia da Farixa, propiedade do Bispado, xa que a Xunta está empeñada en poñelo francamente difícil ao eliminar o listado de vítimas por residencia”, afirman os familiares. Segundo a información emitida hoxe aos medios pola Xunta de Galiza, serían 12 as persoas falecidas no citado centro.

Os colectivos critican “a pouca transparencia da Xunta” e a “opacidade máis absoluta da Igrexa católica á hora de informar as familias sobre os seus parentes ingresados”. “As cabezas reitoras do centro da Farixa están enrocadas nunha postura temeraria, escurantista e mesmo delictiva porque poden incorrer no homicidio por imprudencia tal e como se están a desenvolver cos ingresados e coas familias”, engaden.

Por outra banda, desde o 13 de marzo, “o Bispado non permite facer ningunha comunicación entre familiares e residentes positivos a través das videochamadas ou do teléfono”. O sistema de videochamadas, “a contagotas”, comezou a funcionar a pasada segunda feira, 6 de abril.

Neste contexto, os familiares emprazan o Goberno galego a intervir a residencia “antes de que se produza un masacre. “A Xunta non pode dar as costas diante deste problema humanitario, de irresponsabilidade manifesta”, afirman. A Consellaría de Política Social decidiu intervir as residencias de DomusVi O Barreiro, en Vigo, e de Aldán a finais do mes pasado.