Solicitan colaboración cidadá para identificar o corpo dunha muller que apareceu flotando en Malpica

Trátase dunha muller de idade comprendida entre os 30 e os 40 anos, de 1,69 metros de altura, pel morena.

A Garda Civil solicitou esta quinta feira a colaboración cidadá para poder identificar o corpo dunha muller que foi achado aboiando en augas próximas á localidade de Malpica, na Costa da Morte.

Foi un grupo de mariñeiros que se atopaba faenando a unhas dúas millas náuticas das Illas Sisargas o pasado 22 de decembro o que avistou o cadáver.

Trátase dunha muller de idade comprendida entre os 30 e os 40 anos, de 1,69 metros de altura, pel morena, probablemente de orixe suramericana ou centro americana, de constitución física delgada e cun peso duns 65 quilos.

Entre outras características, destácase que a muller tiña pelo abundante de media melena e cor castaña escura e vestía un pantalón vaqueiro azul e un suadoiro cor granate da marca Harry Potter.

Así mesmo, outros rasgos característicos son o seu piercing no embigo e a súa tatuaxe dunha folla no dorso anterior da man esquerda. Tamén posuía outra tatuaxe de símbolos tribais no tronco anterior e o costado dereito.

Debido a que as indagacións para tratar de identificar o cadáver non deron os seus froitos, levouse a cabo unha reconstrución facial para obter un retrato co obxectivo de pedir á poboación que axude á súa identificación chamando aos teléfonos 981 167 824 ou 981 167 800 ó 062.