Sogami reclama "todos os recursos necesarios" para dotar os hospitais comarcais

Os médicos internistas son chaves no funcionamento dos centros hospitalarios. (Foto: Europa Press)
O colectivo matiza que iso non pode significar "unha sobrecarga asistencial" para eses centros, "mantendo unha relación  bidireccional de colaboración entre os hospitais dos distintos niveis asistenciais".

A Sociedade Galega de Medicina Interna (Sogami) reclama que "se mobilicen todos os recursos necesarios para asegurar a cobertura das actividades dos servizos de Medicina Interna nos hospitais comarcais".

O colectivo matiza que iso non pode significar "unha sobrecarga asistencial" para eses centros, "mantendo unha relación  bidireccional de colaboración entre os hospitais dos distintos niveis asistenciais".

Así o recolle Sogami nun documento de sete folios remitido ao conselleiro de Sanidade, Julio García  Comesaña, e ao xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Flores, en relación ás demandas do colectivo de Medicina Interna da Galiza.

O documento advirte de que "a situación asistencial, con cargas de traballo ilimitadas, pon en risco, como é obvio, a administración duns coidados de calidade, impactando directamente na seguridade do paciente, ao incrementar a posibilidade de erro médico".

Carga de estrés "nunca antes vivida"

Sogami denuncia que os profesionais internistas están a sufrir unha carga de estrés "nunca antes vivida", froito da  "continuada presión asistencial, incrementada nos últimos anos derivada dos factores comentados previamente, e a situación emocional agravada estes dous últimos anos ao estar á fronte do manexo dunha enfermidade emerxente".

"Nos últimos anos asistimos a un aumento progresivo da demanda de asistencia nos servizos de Medicina Interna que non foi acompañado da consecuente adecuación dos persoais dos servizos dos hospitais da nosa autonomía", lamentan os médicos internistas.

O documento sinala o avellentamento progresivo da poboación galego como un engadido á sobrecarga asistencial dos médicos internistas, ao ter que afrontar unhas demandas "que as outras especialidades non poderían solucionar".

Ante esta situación, Sogami afirma no seu comunicado que se fan aínda "máis incomprensíbeis" as "mostras de desprezo" da administración galega aos profesionais internistas.