Sogama xera cada ano 42.000 toneladas de residuos perigosos

Instalacións de Sogama en Cerceda

É, ademais, un dos principais focos de emisión de gases de efecto invernadoiro na Galiza, 1400 quilogramos de CO2 por tonelada de lixo. Sogama recicla apenas 3% dos residuos que recibe.

O portavoz de Medio Ambiente do PP no Parlamento Galego, Gonzalo Trenor, falaba recentemente sobre a “ampliación” e “optimización continuada” que está a facer Sogama e que, afirma, permitiría acadar o denominado ‘vertido cero’. Un termo para definir que só van a vertedoiro os residuos que non se poden aproveitar nin material nin enerxeticamente. De por parte, Sogama afirma na súa web que “persegue cuadriplicar a achega da empresa ao reciclado e desviar a vertedoiro só aquela parte do lixo que non se poida reciclar nin valorizar material ou enerxeticamente” e tamén que “a economía circular incorpórase de cheo á filosofía empresarial da entidade”. Mais para Manuel Soto Castiñeira, catedrático de Enxeñaría Química na UDC e ex-presidente de Adega, “a realidade é moi diferente de como tratan de pintala”.

Así, Soto afirma que Sogama “reciclou unicamente 3% dos residuos que recibiu en 2015”.  A comparación con Nostián e Barbanza é clarificadora, indica: en 2015, Sogama recuperou 11,7 quilogramos por habitante fronte aos 34,3 de Nostián e aos 57,1 da planta do Barbanza, sen contar a compostaxe nestas últimas dúas. “En 18 anos de funcionamento, e coas supostas melloras  continuadas, Sogama apenas chegou a recuperar 10% dos residuos de envases xerados. Con este ritmo, tardarían máis de 120 anos en acadar 50%! Unha realidade que mostra o fracaso do modelo de recollida selectiva mediante o contedor amarelo de Sogama”.

Por iso, indica Soto, o concepto de “vertido técnico cero” é unha “invención que non responde á realidade: a incineración de Sogama xerou cada ano 42.000 toneladas de residuos perigosos, que non teñen outro destino que o vertido”. 23% dos residuos queimados acaban como cinzas ou escouras que andan a buscar vertedoiro por todo o país: Trazo, Lesta, Lousame...

Ademais, di o catedrático, Sogama emprega a atmosfera como vertedoiro: 1400 kg CO2/t lixo, “actuando como un dos principais focos de emisión de gases de efecto invernadoiro no país. A isto súmanse as emisións de gases ácidos, metais pesados e dioxinas, gravemente prexudiciais para a saúde”.