Sogama, unha planta de compostaxe que non é tal

Vertedoiro da Areosa [Imaxe Sogama]

Adega denuncia a "fraude" do proxecto de licitación valorado en perto de 4 millóns de euros porque, di, non producirá compost e "incumpre" a normativa.

 

O proxecto aprobado por Sogama (Sociedade Galega de Medioambiente) prevé un investimento de 3.940.000 euros (+ IVE) para a construción dunha planta de compostaxe no vertedoiro da Areosa (Cerceda). Unha infraestrutura que estaría rematada en 2017 e na que prevén xerir 15.000 toneladas de residuos. 

Porén, desde a Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza denuncian que se trata dunha "fraude" porque "o sistema de recollida de SOGAMA non permite seleccionar separadamente en orixe a materia orgánica" o que tornaría en "material bioestabilizado" o resultante do proceso mais non en compost. 

A xestión dos residuos que van parar ao contedor verde non separa os restos de comida dos cueiros

"O proxecto incumpre a legalidade galega, estatal e europea", sinalan con dureza desde Adega. A actual Lei de Residuos 22/2011, lembra a asociación ecoloxista, define no artigo 2 o compost como “emenda orgánica obtida a partir do tratamento biolóxico aerobio e termófilo de residuos biodegradábeis recollidos separadamente. Non se considerará compost o material orgánico obtido das plantas de tratamento mecánico biolóxico de residuos mesturados, que se denominará material bioestabilizado". 

Asemade, o RD 506/2013 sobre produtos fertilizantes, determina que  compost é o “produto hixienizado e estabilizado, obtido mediante descomposición biolóxica aeróbica ... de materiais orgánicos biodegradabeis, recollidos separadamente”. 

Neste senso, apuntan, os contedores de lixo que recollen os residuos para xerir en Sogama non desenvolven de maneira separada a recollida de materiais orgánicos (restos de comida) dos rexeites que habitualmente van parar ao mesmo espazo como cueiros. A convivencia de ambos os dous imposibilita a produción de compost. 

"Estamos perante outra burda fraude por parte Xunta-SOGAMA", denuncian desde Adega, "tentan dar gato por lebre facendo pasar por compostaxe o que en realidade é un proceso que terá como resultado un “bioestabilizado” que non poderá usarse como abono ou enmenda orgánica nos solos, e rematará indo a queimar ou a vertedoiro", advirten.