Sogama gastou en incineración nestes 8 meses máis que a suma dos orzamentos de Coruña e Vigo para 2015

A incineradora de Cerceda destinou a incineración e verquidos máis de 468 millóns de euros no que vai de ano, denuncia Adega. A compostaxe, apenas 90.000 euros.

A incineradora de Cerceda e o modelo de incineración e o vertido dos residuos urbanos que exemplifica “é un perfecto exemplo de desbaldimento de recursos e de ruína para as arcas públicas”. Así o denuncian os ambientalistas de Adega, que afirman que no que vai de ano (“e alén do gasto corrente”), a incineradora e o vertedoiro consumíron un mínimo 468,84 millóns de euros. O que supón máis que a suma dos orzamentos das dúas principais cidades galegas (Vigo e A Coruña) para o presente ano. O orzamento da cidade olívica é de 214 millóns de euros e o da urbe herculina de 252 millóns. Sumados, 466 millóns de euros para todo 2015. Case tres millóns de euros menos dos que gastou Sogama só en incinerar e verquer nestes oito meses.

Pola contra, lembra Adega, para a compostaxe -prioritaria por lei- só houbo 90.000 euros. “Son as cifras que se tiran da plataforma de contratos públicos de Galiza (contratosdegalicia.es) na que se pode rastrexar a actividade licitadora de Sogama e ver cantos cartos adxudicou o ente a que proxectos”.

A asociación ambientalista destaca “o mega-gasto de 131 millóns de euros que a sociedade semipública vai facer para transportar por tren a Cerceda os residuos urbanos (80% de auga) de toda Galiza para seren incinerados e soterrados. Outra mostra máis (e outro gasto escandaloso) da ineficiencia do caduco sistema Sogama: gastar cartos en mover auga a Cerceda; alí gastar máis cartos en eliminar a auga (queimando gas natural) dos residuos para poder incinerar o resto, e o sobrante, ao vertedoiro”.