ANÁLISE

Sogama contamina e apenas recicla                                     

Instalacións de Sogama

A Sociedade Galega do Medio Ambiente, Sogama, defínese como unha empresa publica autonómica adscrita a Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. En realidade é unha empresa mixta onde a participación da Xunta é do 51%  e o restante 49%  pertence a Naturgy, até hai poucos días coñecida como Gas Natural Fenosa Renovables.

Segundo información publica de Sogama, o modelo fundaméntase no principio das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) que se complementa coa incineración para producir electricidade. O proxecto tivo dende o principio un grande interese da empresa eléctrica Fenosa, xa que ía producir electricidade a partir da preparación e incineración do lixo. Na actualidade Sogama presume da súa  produción eléctrica que supera o medio millón de Mwh/ano en tres plantas, unha planta termoeléctrica de 50 MW, unha planta de coxeración de 22MW e unha planta de Biogás.

 

O Complexo estaba até agora dimensionado para tratar 500-550.000 toneladas/ano pero a el chegan 900.000 toneladas (por tren só a metade e no 2016 era o 25%), polo que a diferenza terían que destinalo a un vertedoiro de 47 hectáreas de superficie: O Deposito Temporal de Areosa. Para solucionar a capacidade teñen obras para ampliar o Complexo ate un millón de toneladas, para o que a Xunta vai inverter 29 millóns de euros.

 

Os datos de xestión de residuos urbanos do ano 2017 aportados pola empresa  indican que reciclou 99.206 toneladas de lixo, mandou a vertedoiro 252.355 toneladas e incinerou para producir electricidade 550.278 toneladas, é dicir que de 901.839 toneladas que chegan a Cerceda tan só reciclan o 11%, mentres que mandan a vertedoiro controlado o 28% do total, e queiman ou incineran o 61% dos residuos sólidos urbanos. Quedan claras as prioridades e os intereses  da planta, mentres no Estado se recicla e composta o 30% do lixo,  na Galiza en Sogama o 11%, mentres no Estado se incinera o 13% do lixo aquí aínda considerando a recollida selectiva estamos por riba do 50% e en Sogama en particular no 61%. Neste Complexo incinérase a quinta parte (20,6%) de todos os residuos sólidos urbans que se incineran no Estado.   

 

De 901.839 toneladas que chegan a Cerceda tan só reciclan o 11%, mentres que mandan a vertedoiro controlado o 28% do total, e queiman ou incineran o 61%

 

Con relación á media de reciclaxe e compostaxe da Comunidade Europea tamén estamos moi afastados, mentres en Europa é do 47% aquí en Sogama é do 11% e anos atrás aínda foi moito menos. Pretender cumprir os obxectivos do 50% de reciclado que obriga a UE para o 2020 (Directiva 2008/98/CE) parece tarefa imposible.


 Comparación do tratamento do lixo, Europa, Estado, Galiza.

 

  Europa 28 Estado español Galiza, en Sogama

Proporción de reciclaxe e compostaxe

47% 30% 11%
Vertedoiro  25% 57% 28%
Incineración  28% 13% 61%

 

A contaminación do Complexo Medioambiental  de Cerceda: 
 

Pero moitos cidadáns pregúntanse:  Contamina unha empresa creada para evitar a contaminación do lixo? De onde procede a contaminación que xera? Como unha empresa que recibiu decenas de millóns de Fondos de Cohesión Europeos pode despois de 20 anos reciclar tan pouco e seguir contaminando?

 

Só a incineradora —Planta Termoeléctrica do Complexo— emite: óxidos de nitróxeno, partículas, monóxido e dióxido de carbono, dióxido de xofre, clorhídrico, fluorhídrico, dioxinas e furanos, compostos orgánicos volátiles, cadmio, mercurio, níquel, zinc, chumbo...

 

No Rexistro de Emisións Contaminantes do Estado, PRTR e para o ano 2016 figuran as emisións da incineración dos residuos domésticos ou municipais:   

 

Emisións á atmosfera:

  

Óxido de nitróxeno  372 toneladas
Óxido nitroso  14,7 toneladas
Mercurio  11,8 toneladas
Níquel  51,3 toneladas

 

Ademais de dióxido de carbono que non cuantifica o PRTR posiblemente por non chegar as emisións ao limiar de declaración que é de 100.000 toneladas /ano  e o mesmo sucede para o chumbo que ten un limiar de 200 kg/ano e para outros contaminantes.

 

Emisións á auga: 
    

 

Arsénico  10 quilogramos
Fenois  72 quilogramos

 

Non cuantifica mercurio, cadmio...

 

A estas emisións da incineración temos que engadirlle as  correspondentes ao vertedoiro de lixo coñecido como Deposito Temporal de Areosa. No Rexistro  PRTR, ano 2016, último publicado,  figuran  9.850 toneladas de metano, gas de efecto invernadoiro e un dos responsábeis do cambio climático. As emisións do ano 2016 son tres veces superiores as  correspondentes ao ano 2007. 

 

A incineración non só emite sustancias prexudiciais para a saúde (produtos canceríxenos, danos para as vías respiratorias e pulmóns, compostos implicados en problemas cárdio-respiratorios, ictus, diabetes...); ademais, ten baixa eficiencia enerxética, altos custos, destrución de sustancias aproveitábeis, impacto nos ecosistemas e no clima e, o que é mais importante, vólvese un obstáculo ao reciclado. 

 

Na Unión Europea chegaron á conclusión de que unha taxa alta de incineración pode dar lugar a menores niveis de prevención, reutilización e reciclado, polo que intentan modificar o erro cometido até agora e, ademais de frear as subvencións, propoñen na actualidade un modelo máis sostible coñecido como economía circular con obxectivo de reutilización e reciclado de residuos domésticos e políticas de residuos cero. Propoñen reutilizar/reciclar  para o ano 2025 un mínimo do 55% do lixo e para o  2035 reducir o 10% dos residuos sólidos urbans, seguramente estas propostas necesitan e mesmo obrigarán a reformar ou reformular Sogama de novo, polo que non valerá unha ampliación que está en marcha onde a incineración é o obxectivo e volve quedar  por diante e  maioritaria con diferenza respecto da reciclaxe. 

 

Unha taxa alta de incineración pode dar lugar a menores niveis de prevención, reutilización e reciclado

 

A responsabilidade da Xunta é grande, se queren achegarse aos obxectivos da Unión Europea a incineración non ten sentido e moito menos se queren deixar de emitir contaminantes tóxicos e perigosos. Pouco exemplo dá a empresa pública sobre o tema da contaminación, non é de estrañar despois o pouco interese que mostra a empresa privada por diminuír as emisións. Teñen un exemplo onde mirar e copiar.

 

Ramón Varela Díaz é catedrático de Bioloxía e Xeoloxía e foi presidente de Adega.