Análise

Sociedade narcisista e psicopatizada = sociedade enferma

É moi característico desta bicharía non só manipular a todo aquel que estea ao seu arredor, tamén falsear a súa historia. (Ilustración: Álex Rozados)
Marta Capeáns, traballadora social nunha Oficina de Atención a Vítimas no ámbito xudicial, consultora e perita forense, prosegue co ciclo de análises de Nós Diario.

Á terceira e última vai a vencida… E a derradeira debe ser distinta ou xa empezas a repetirte coma algúns grupos musicais que parece que fan iguais todas as cancións.

Cando es de ditos e frases feitas porque estiveches sempre rodeada de vellos (non maiores, "vellos" de vellez, non de moble decrépito, vellos con cariño, deses que non tes que camuflar a nomenclatura, porque non ven desprezo no termo, porque realmente non o hai) tendes a renegar delas. Pero hai algunha que proe, do estilo: "Verde y con asas… alcarraza", din os castelanfalantes. Aquí sería máis aquilo de "De que cor é o cabalo branco do Apóstolo?".

Pois iso! Cando non atendemos á intuición, cando ignoramos aquilo que son feitos obxectivos, porque as emocións entran a forman parte do xuízo, e pesan, e soen pesar moitísimo, corremos o risco de topar, e nunca se topa sen secuelas, con personalidades formadas por riscos psicopáticos, narcisistas e maquiavélicos.

A denominada 'tríade escura'. Falamos de patróns de comportamento ou condutas, non de problema patolóxico ou clínico, e quen os presentan non están necesariamente enfermas nin teñen que ser delincuentes. Pensas que non che afecta?

Anda que non! A diario batemos con estes perfís de personalidade, só que apenas o percibimos ata que nos molestan. E molestan cando a proximidade polo motivo que sexa é inevitable: a parella, o veciño, o irmán, a "amiga", e o xefe...

Como son? Literalmente encantadoras

Son persoas encantadoras, que parecen accesibles, coma ti e coma min, pero que nas distancias curtas se definen por catro trazos fundamentais: a manipulación interpersoal que exercitan a destro e sinistro, a insensibilidade en canto ao afecto, a desinhibición e o comportamento antisocial.

Tradúzovos: acceden a cada de un de nós con afán de conseguir "algo" (material, laboral, social, unha imaxe).

Non queren a ninguén (nunca van facer esforzos reais por ninguén, nin por un pai nin por unha filla).Tiran para adiante co que sexa (se hai que beber máis que ninguén, aí están! Cantar máis? Pois tamén. Que toca consumir cocaína para ser o rei do mambo? Veña, que corra a farlopa!

E se hai un ascenso en xogo? Pisarán e manipularán o que sexa preciso. Teño crianzas pero non me ocupo deles, quedan ben na foto, iso si, presumo e vístoos ben guapos para facerlles a comuñón. Enferma alguén próximo? Estarán afectadísimos, pero non aportarán, que supón un esforzo. En xeral, bordearán ou sobrepasarán os límites morais que nos inculcaron á maioría, porque a ética non vai con eles.

Tamén é moi característico desta bicharía non só manipular a todo aquel que estea ao seu arredor, tamén falsear a súa historia, de xeito que outros crean que é real e facelos sentir culpables. A nivel xudicial son verdadeiros xenios! Entre a astucia que teñen, o sangue frío que poden mostrar declarando e a baixa formación psicolóxica que existe no ámbito xudicial, sumada á falta de medios e tempo, montan o teatro en nada, sen despeitearse. Sen o máis mínimo cargo de conciencia, porque non teñen. Son o ego levado ao extremo.

Onde atopalos? En todas partes!

Antes existía a crenza de que tiñan unha intelixencia privilexiada, pero os estudos actuais demostran que non é precisa, nin sequera é certo que a posúan. De feito, ao carecer de intelixencia emocional comenten erros que para os demais serían moi básicos.

Aínda así, a vantaxe de non ter escrúpulos fai que abonden nas xerarquías das esferas máis altas a nivel laboral (Kevin Dutton mantén que existen profesións máis proclives á aparición destes riscos): xornalistas, políticos, sindicalistas e ata responsables de ONG, dado que lles encanta vender o seu afán caritativo e de axuda, que ademais serve de coartada. E colócanse moi ben, porque para iso parasitan mellor que ninguén. Quen non coñece 'politiquillos' metidos no allo aos que se lles fas tres preguntas conclúes que ademais de non saber, non lles importa nada a política? Pero morren por estar aí, arrimarse e obter beneficios a toda costa.

Quen son as súas vítimas? Calquera de nós

Sábese que as persoas que mostran altos niveis de emocionalidade, de sentimentalidade e de sensibilidade teñen maior tendencia a crer a este tipo de individuos, ou mellor dito, a caer nas redes de quen presenta este tipo de trazos. Son as vítimas perfectas dos manipuladores, e non por ser menos intelixentes, se non por ter menos desconfianza e crer máis na bondade do ser humano.

Así que cómpre estar alerta e tentar discernir entre o que nos contan e o que realmente vemos: feitos, non palabras. É a clave. Escoitar á intuición é fundamental e aínda así van por diante!

Quen nos libra de presenciar unha persoa que maltrata e engana á parella durante anos e que ao ser descuberta a machuca máis emocionalmente denunciando en falso… e gaña xudicialmente? (que non socialmente!).

Todo isto deriva en que a sociedade está enferma. Moitos autores falan de sociedade e narcisismo, a cultura do narcisismo e do baleiro (Lowen, 2000; Lasch, 1991; Lipovetski, 1993). "Pouca dúbida pode xerar a idea de que a nosa sociedade cultiva o narcisismo de xeito desaforado", (Garrido, 2000).