Colectivos articulan respostas fronte á Lei de fomento empresarial que “depreda” Galiza

Unha vintena de entidades e colectivos impulsan unha campaña de información e mobilización contra un proxecto “opaco” e que, sosteñen, fai saltar polos aires garantías e mecanismos de control para deixar a porta franca á cobiza de grandes empresas.

O Parlamento de Galiza aprobou, cos únicos votos a favor do PP, a toma en consideración da lei de fomento de iniciativas empresariais, unha norma que acendeu os sinais de alerta non só na oposición, senón tamén en colectivos e organizacións sociais e ambientalistas. Todos coinciden na preocupación perante un proxecto de lei que, aseguran, fai saltar polos aires garantías e mecanismos de control para deixar a porta franca á cobiza de grandes empresas. Para dar resposta a unha lei que, como denunciou Adega, “dá patente de corso a mineiras e eléctricas para asaltaren o territorio galego”, entidades e colectivos galegos veñen de presentar unha campaña informativa e de mobilizacións. Entre outras accións anunciaron a convocatoria dunha concentración diante do Parlamento de Galiza o día 6 de outubro e outra tamén en Compostela o día 22.

 

Denuncian desde a súa tramitación “pola porta de atrás”, ao recorrer á vía de urxencia, até a súa natureza, xa que se aproveita para introducir profundas modificacións lexislativas en normas como a Lei de Minaría, a Lei Eólica, a Lei de Patrimonio, a Lei de Montes e mesmo a Lei de Cooperativas, entre outras.

“Graves consecuencias”

 

Aliás, alertan das graves consecuencias que terá a súa aplicación polo seu contido xa que baixo o pretexto de reducir o que se consideran “trabas” administrativas, o que se fai é “reducir até a mínima expresións as xa cativas limitacións existentes para protexer o noso medio ambiente, patrimonio ou os intereses sociais”.

 

Os colectivos e organizacións sociais denuncian tamén a opacidade que rodea esta norma que permite que haxa proxectos exentos da obrigatoriedade de información pública. Apuntan ademais que as empresas serán quen determinen o que é segredo industrial nas súas explotacións e que se reduce o tempo para mirar os expedientes. Isto ademais de evitar o control dos concellos e reducir a súa capacidade de decisión sobre aqueles proxectos que Industria determine como de interese estratéxico.

 

“De ter existido anteriormente unha lei como esta, non tería sido posíbel frear atentados ambientais como o proxecto de mina de Corcoesto, a extracción de feldespatos da Limia ou mesmo impedir a Lei de Acuicultura”. Advirten desde a plataforma ContraMINAcción.

 

A campaña e as mobilizacións desenvolveranse baixo o lema “#LeiDepredaciónGaliza porque entende que pon ao noso país á altura de “Ghana” ou de “Marrocos” ofrecendo o noso territorio para implantar todo tipo de iniciativas empresariais sen ter en conta os custos derivados, quer no noso medio ambiente, no noso patrimonio ou sociais. Unha lei que implanta un modelo industrial de tipo colonial e que esquece sequera favorecer, tal e como explicou a representante da CIG, Susana Méndez, que se rematen en Galiza os ciclos produtivos ou apoiar o noso propio tecido industrial.

 

Colectivos: A Ría non se Vende, Adega, CS A Revolta, CS Faísca, CIG, Comisión contra as Minas na Terra Chá, Comunidade de Montes de Cabral, contraMINAcción, Galiza Contrainfo, Galiza Non Se Vende, Gentalha do Pichel, Luita Verde, Organización Galega de Comunidades de Montes, Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, Sindicato Labrego Galego, Terra Chá Sostible, Verdegaia e Véspera de Nada.