O sobriño do patrón do 'Pitanxo' ameazou Samuel Kwesi, segundo un dos mariñeiros que os rescatou

O patrón do 'Vila de Pitanxo', Juan Padín, e mais o seu sobriño, o mariñeiro Eduardo Rial, á súa chegada á Audiencia Nacional. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
Os mariñeiros do Praia Menduíña 2 contrapuxeron a actitude de Samuel Kwesi e a dos outros dous sobreviventes.

A declaración dos mariñeiros do Praia Menduíña 2, o pesqueiro galego que rescatou os tres sobreviventes do Vila de Pitanxo, deixou como principal descuberta a ameaza que o sobriño do patrón do barco afundido en Canadá, Eduardo Rial, lle fixo ao terceiro sobrevivente, Samuel Kwesi.

"Coidado co que dis ao chegar a terra". Estas foron exactamente as palabras que, presuntamente, Rial lle manifestou a Kwesi antes de aportar en Saint John de Terranova, e que escoitou un dos mariñeiros do Praia Menduíña 2.

Da súa declaración ante a Garda Civil, xunto coas de moitos outros compañeiros, despréndese que Samuel sería o tripulante do Pitanxo que mostraría unha actitude "máis afectada", xa que "choraba continuamente".

Mentres tanto, o patrón do barco, Juan Padín, e o seu sobriño estaban máis acougados. "Eduardo dedicábase a  cantar polos corredores, bebendo cervexa", explica outro dos mariñeiros do Praia Menduiña 2.

Cambio de versión

Nos seus testemuños, un dos tripulantes, que coñecía a Eduardo Rial por traballar con el anteriormente, manifestou que o sobriño do patrón asegurou á súa chegada ao Praia Menduiña 2 que o seu tío mentía, pero que el diría o que Padín lle dixese.

Ademais, nun primeiro momento, á súa chegada ao pesqueiro, Padín asegurou ao patrón do Praia Menduíña 2 ante outros mariñeiros que o motivo do naufraxio fora que o barco embarrara. Esta versión apoiaría á que conta Samuel dos feitos.

O propio patrón cambiou despois o seu relato dos feitos, e segue a manter que os motores se apagaron e que este foi o motivo do naufraxio.

Na súa versión, Kwesi engadiu que os mariñeiros do Pitanxo lle pediron ao capitán que soltase cable, pero este fixo "caso omiso" e o barco acabou afundíndose.